DeportesÚltima hora

O Concello de Quiroga mellorará sete rutas de sendeirismo

Unha das rutas quiroguesas./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Na limpeza, sinalización, recuperación de elementos danados e creación de pequenas infraestruturas centrarase o proxecto de mellora de sete rutas de sendeirismo que xa está desenvolver o Concello de Quiroga. “A primeira parte do proxecto xa está en marcha e céntrase na limpeza e sinalización mediante franxas paralelas en cor branca e amarela nas rutas homologadas do Val do río Quiroga (PR-G 193), do Pregamento Xeolóxico de Campodola (PR-G 192), da Lagoa da Lucenza (PR-G 184), na ruta do Ferradal (PR-G 187) e na ruta Circular Montouto (PR-G218)”, tal e como se sinala dende o Concello.

Ademais, coa sinalización mediante franxas paralelas na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191) búscase recuperar un camiño que durante séculos foi utilizado para baixar o mineral de ferro desde os xacementos do Monte Formigueiros ata as ferrerías do Mazo, Soldón, Outeiro e Rugando. Foi a principal vía de comunicación dende as zonas de montaña ata o val do Sil.

“Unha vez rematen estes traballos de sinalización traballarase na segunda parte do proxecto, que implicará a recuperación de elementos danados e a creación de pequenas infraestruturas. Nesta parte que se acometerá na anualidade do 2021, inclúense os traballos de limpeza, consolidación e canalización das augas na Fonte da Cal e no Forno da Cal de Cereixido”, adianta o Concello de Quiroga.

Asi mesmo, na ruta Circular de Montouto (PR-G218) que recorre os bosques autóctonos das devesas de Montouto, Mazales e o Cervo, está proxectada a consolidación dun paso de madeira, a imprimación para a conservación da estrutura de madeira e a limpeza do entorno.

Tamén se proxecta limpar e mellorar o Camiño Tradicional de Vilarbacú ao Pía Páxaro. Nesta ruta sinalizarase e colocaranse paneis interpretativos da antiga explotación de antimonio, unha das máis importantes de España, que chegou a ter unha produción de 260 toneladas de mineral antes do seu abandono no ano 1958.

Para esta mellora das rutas quiroguesas cóntase cunha axuda duns 17.000 € aportados pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia por tratarse dun concello incluído na Rede Natura 2000. O 36,83% da superficie do Concello de Quiroga pertence á Rede Natura.

Artigos relacionados

Back to top button
Close