ConcellosEn portadaQuirogaÚltima hora

O Concello de Quiroga pide a colaboración da veciñanza no trampeo contra a velutina

O mes de marzo "é o que recomendan os expertos para poder cazar as raíñas, por ser cando abandonan os seus agochos para comezar a facer os niños primarios e poñer os ovos", segundo a Concellería de Medio Rural deste municipio

Niño de Vespa velutina./ Foto: A.R.

 

Co fin de unir forzas na loita contra a Vespa velutina, a Concellaría de Medio Rural de Quiroga pide a colaboración dos veciños dos diferentes núcleos do municipio na colocación trampas para tentar “diminuír o número de niños desta avespa invasora”.

Dende este departamento municipal lembran que o mes de marzo “é o que recomendan os expertos para poder cazar as raíñas, por ser cando abandonan os seus agochos para comezar a facer os niños primarios e poñer os ovos. Eliminar o maior número de raíñas é a maneira de evitar a proliferación da Velutina”.

O concelleiro do Medio Rural, Ángel Rodríguez, tamén apicultor, segue recomendando a utilización de trampeo, aínda que sexan trampas caseiras con líquidos atraíntes. “Quiroga é unha zona na que prolifera este insecto invasor moi rapidamente, debido ao microclima do que se goza no val do Sil. Houbo anos nos que se retiraron ou neutralizaron máis de medio cento de niños de Vespa velutina”, sinalan dende o Concello.

De aí que a colocación de trampas constitúa “unha axuda nunha loita na que traballan dende hai anos os apicultores da comarca, pero para a que se precisa máis impulso posto que os niños de velutinas non están só preto das colmeas se non que xa se atopan por todas as zonas. E precisamente por iso polo que é precisa a axuda de todos os veciños para a colocación das trampas”.

Artigos relacionados

Back to top button