En portadaÚltima hora

O Concello de Quiroga recibe a dúas familias ucraínas de acollida

O alcalde quirogués matizou que, a pesar de estar incluídas dentro do programa de acollemento, será o concello o que corra cos gastos de manutención destas familias o tempo que manden os protocolos internacionais

 

O Concello de Quiroga acolle xa a dúas familias de refuxiados ucraínos incluídos no acordo asinado co Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones e a colaboración da FEGAMP. Esta mañá as dúas familias, compostas por unha nai e un fillo e outra nai e dous fillos, foron recibidos polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez e a concelleira de Servizos Sociais, Loli Sánchez.

O recibimento, un acto sinxelo no salón de plenos da casa consistorial, serviu para darlle a benvida a Quiroga. Dada a dificultade para entender o idioma, Irina Fesyk, ucraína residente en Quiroga dende fai anos, serviu de intérprete para comunicarse coas recentemente chegadas. Na recepción non faltaron os agasallos de benvida, lambetadas e un xoguete para cada neno e flores e produtos típicos para as súas nais, como mostra da boa acollida destas familias por parte dos quirogueses e para que se familiaricen cos produtos da zona.

Aínda que son dúas unidades familiares diferentes compartirán vivenda,  posto que as nais son cuñadas. O alcalde quirogués matizou que, a pesar de estar incluídas dentro do programa de acollemento, será o concello o que corra cos gastos de manutención destas familias o tempo que manden os protocolos internacionais.

Estas dúas familias chegaron a Quiroga grazas a tramitación duns veciños de Quiroga que se puxeron en contacto cunha ONG que traballa neste tipo de xestións humanitarias. Unha vez feito este trámite foron incluídas dentro do programa de acollemento que tiña asinado o Concello de Quiroga co Ministerio e a FEGAMP, para acoller a dúas familias de refuxiados.

O rexedor local desexoulles que “poidan vivir no noso municipio con dignidade e acollemento”, algo que agradeceron as recentemente chegadas posto que matizaron viñan da zona de Járkov, un lugar moi perigoso tanto para os seus tres nenos como para elas mesmas.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button