ConcellosQuirogaÚltima hora

O Concello de Quiroga solidarízase co pobo ucraíno e pide o cese da guerra

Ademais súmase á petición da Fegamp para acoller familias refuxiadas ucraínas

 

O Concello de Quiroga vén de amosarse en contra da guerra entre Rusia e Ucraína. “Como mostra do seu apoio e compromiso as luces das letras de Quiroga do parque da Constitución están estes días iluminadas en cor azul e amarela, as cores da bandeira ucraína. A iluminación nocturna destas letras, que normalmente é de cor verde – como a bandeira de Quiroga- utilízase tamén para conmemorar datas sinaladas. Estes días locen para amosar o seu apoio con Ucraína, pero tamén para pedir o cese dunha guerra na que sempre os máis prexudicados son as persoas inocentes”, asegura esta entidade local.

Ademais o equipo de Goberno, encabezado polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, solidarízase co pobo ucraíno coa presentación dunha moción na que se condea a invasión de Rusia en Ucraína e se amosa “o apoio ás accións do Gobierno de España, en colaboración cos aliados da OTAN e a UE. Así mesmo expresa o máis firme compromiso coa defensa dos principios da democracia, o Estado de dereito e a protección dos dereitos fundamentais contemplados no Preámbulo do Tratado da Alianza do Atlántico Norte e no da Constitución Europea. E apoia que o Goberno negocie o antes posible en Bruxelas un plan de axuda humanitaria á poboación civil ucraína”.

Así mesmo, o Concello de Quiroga vén de unirse á petición realizada desde a Federación Galega de Municipios e Provincias para acoller a familias refuxiadas ucraínas. “O Concello de Quiroga a través da Fegamp apoia o labor da Comunidade Internacional axudando na protección e o benestar dos cidadáns que foxen do conflito bélico. Esta non é a primeira vez que o concello quirogués se suma a unha causa deste tipo posto que no seu día xa acollera a dúas familias bosníacas afectadas pola guerra de Iugoslavia”, tal e como se indica dende esta administración local.

Foto: Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button