ConcellosSan Xoán de RíoÚltima hora

O Concello de Río estuda implantar o programa “Xantar na casa”

Vén de publicar un bando informando sobre esta iniciativa e co fin de coñecer cantas persoas estarían interesadas en participar nel

Oficina municipais do Concello de San Xoán de Río./ Foto cedida.

 

Dende o Concello de San Xoán de Río estase a estudar a posibilidade de poñer en marcha no municipio o programa “Xantar na casa”, que consiste nun “servizo de comida a domicilio para persoas maiores ou dependentes con déficits de autonomía persoal para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de comidas, e que carezan de rede de apoio familiar”, tal e como se explica dun bando municipal que se vén de publicar dende esta administración local.

De levarse a cabo, este programa iría dirixido a persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa autonomía persoal e sen rede de apoio familiar, así como a persoas dependentes que carezan de apoio faimiliar e precisen axuda para a preparación de comidas e para menores de 60 anos en situación de exclusión social, tal e como se matiza no bando municipal de San Xoán de Río.

No que se refire ao financiamento do servizo, a persoa beneficiaria deberá aboar nos primeiros 10 días do mes unha cantidade de 60 euros aproximadamente, poñendo o Concello e a Xunta a parte restante.

O bando conclúe indicando que as persoas interesadas en participar no programa deberán anotarse chamando aos Servizos Sociais do Concello, os martes e xoves, no teléfono 988 346002. O prazo para anotarse concluirá o 5 de abril.

 

Artigos relacionados

Back to top button