CulturaCulturaÚltima hora

O Concello de Sober convoca a Bolsa Cultural “Ribeira Sacra”

Búscase impulsar crecemento cultural en Galicia, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal dun fotógrafo/a que poderá asistir de maneira gratuíta ao Taller de Verán de fotografía impartido por David Jiménez

 

O Concello de Sober vén de convocar unha Bolsa Cultural “Ribeira Sacra” para o verán 2021, cuxo obxectivo é impulsar crecemento cultural en Galicia, fomentar o estudo e facilitar o desenvolvemento persoal dun fotógrafo/a que poderá asistir de maneira gratuíta ao Taller de Verán de fotografía: “O labirinto das formas”, impartido polo recoñecido e premiado fotógrafo, David Jiménez. O taller celebrarase do 22 ao 27 de agosto de 2021 na localidade de Sober.

As bolsas culturais “Ribeira Sacra” son “formacións culturais convocadas, promovidas e patrocinadas polo Concello de Sober, e organizadas polo proxecto cultural A Plantación a través de Talleres de Verán. Nesta ocasión a bolsa ten un valor de 775€”, segundo explica esta administración local.

A Plantación é un proxecto cultural feito desde Galicia, onde se cultivan e comparten experiencias ao redor de distintas artes. O método de traballo consiste en propoñer encontros abertos entre un autor e calquera persoa interesada (profesional e non profesional) co obxectivo de avanzar nos seus coñecementos e en reflexionar ao redor de proxectos e intereses creativos).

Mediante esta convocatoria de bolsa, o Concello de Sober busca a unha persoa con inquietudes artísticas e culturais, empadroada, que traballe ou estude no Concello de Sober, principalmente con estes cinco perfiles: mozos universitarios e de formación profesional que queiran aumentar os seus coñecementos, traballadores con inquietudes e intereses culturais, persoas emprendedoras, persoas en situación de renovación na formación académica e mulleres do ámbito rural.

Os proxectos fotográficos presentados serán avaliados por un comité e as ideas rexistradas permanecerán en todo momento baixo a propiedade intelectual das persoas participantes. A temática é libre, segundo explica o Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button