ConcellosÚltima hora

O Concello de Sober convoca o concurso para elixir o cartel da XL Feira do Viño de Amandi

O prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 15 de febreiro e establécese un premio ao ganador de 600 euros en metálico

Imaxe da pasada edición da Feira do Viño de Amandi en Sober./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Concello de Sober vén de convocar o seu tradicional concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador da XL Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 4 e 5 de abril de 2020. As súas bases poden consultarse na súa web (http://www.concellodesober.com)  e nas redes sociais.

O certame está aberto “a toda a poboación, con traballos en formato A3 e técnica libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Só se pode presentar un cartel por autor ou autora. Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores”, segundo informa o Concello.

Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto. O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes datos: XL Feira do viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 4 e 5 de abril.

A entrega de orixinais farase na Casa do Concello dende o 13 de xaneiro ata o día 15 de febreiro de 2020. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.

O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer o 7 de marzo. Estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. Establécese un premio ao traballo gañador de 600 euros en metálico.

As obras que se presenten deberán reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura. “Os traballos presentados quedarán en poder do Concello de Sober. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XL Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera”, citando as bases.

 

Artigos relacionados

Back to top button