ConcellosÚltima hora

O Concello de Sober pon a disposición de toda a veciñanza mascarillas gratuítas

O goberno local agradece o traballo da xunta directiva do Tecor de Sober (Coto de Caza), da Asociación de Viticultores e das bodegas, encargados todos eles de facer a doazón de 2.000 exemplares

Mascarillas que entregará o Concello de Sober./ Foto cedida.

 

Dende este martes 7 de abril o Concello de Sober pon a disposición de toda a súa veciñanza mascarillas gratuítas FFP2 e cirúrxicas, as recomendadas polas autoridades sanitarias para previr o coronavirus. As persoas interesadas en posuír unha desta mascarillas poderán retiralas desde hoxe mesmo nas farmacias da localidade ou contactando con Protección Civil de Sober no seu número de teléfono 650 20 34 40 (en funcionamento as 24 horas).

“O Concello de Sober está en disposición de comezar a entrega grazas á xunta directiva do Coto de Caza local que, xunto coa Asociación de Viticultores e de varias bodegas da localidade, conseguiron reunir máis de 2.000 mascarillas. Porase a cantidade necesaria a disposición dos Servizos Sociais municipais, Protección Civil, Residencia da terceira idade e persoal do Centro de saúde”, tal e como se informa dende esta administración local.

As restantes estarán a disposición da veciñanza, que poderá conseguir de forma gratuíta mascarillas cando recollan medicamentos nas farmacias de Sober ou a través de Protección Civil no teléfono 24 horas (650 20 34 40). O Concello pide que se faga unha retirada responsable destas mascarillas para que poidan chegar a todos.

Así, estas mascarillas xunto coas recibidas dende a Xunta fan posible que todos os veciños de Sober poidan dispoñer do seu EPI (Equipo de Protección Individual) fronte ao coronavirus.

O goberno local agradece o traballo da xunta directiva do Tecor de Sober (Coto de Caza), da Asociación de Viticultores e das bodegas que fixeron a doazón.

 

Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outras entregas

Tamén se entregarán mascarillas cirúrxicas que a Xunta fixo chegar ao Concello, así como pantallas protectoras a todos os dependentes de locais abertos o público en Sober elaboradas por Héctor Suárez e unha profesora do CEIP Virxe do Carme.

Ao mesmo tempo a Xunta vén de entregar un novo lote de material para a residencia de maiores. O goberno local fixo entrega ademais de material de equipos de Protección recibidos da Xunta para o propio Concello.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button