ConcellosÚltima hora

O Concello de Sober recupera o menhir “Marco da Pedra Longa”

A peza, que estaba depositada no patio do Museo Provincial de Lugo, será exposta no Centro de Recepción de Visitantes do municipio soberino
Imaxe do Menhir ‘Marco da Pedra Longa’. /Foto: Concello de Sober.

O Centro de Recepción de Visitantes do Concello de Sober é o lugar no que nos vindeiros días será exposto o menhir “Marco da Pedra Longa” a peza arqueolóxica que o o Goberno local vén de recuperar. A directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, autorizou o cambio de depósito do Museo Provincial de Lugo no que estaba dende 2002, a favor do Concello soberino.

Para esta concesión,  dende Patrimonio tívose en conta “a proximidade co lugar do achado” así como “as circunstancias que fan posible na súa nova ubicación, a súa adecuada conservación e a mellor función cultural e científica”, explican dende Sober. O Centro de Recepción de Visitantes de Sober é, segundo o organismo autonómico un lugar idóneo para a nova ubicación do menhir, pois “reúne as condicións de conservación preventiva axeitadas para os materiais arqueolóxicos que garanten o cumprimento de todas as condicións necesarias para o depósito de este tipo de pezas”. Situado ao pé da Casa do Concello, conta cun horario accesible e regular durante todo o ano para a visita pública e medidas de seguridade para a correcta custodia.

 

O menhir foi atopado tumbado. /Foto: Concello de Sober.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, amosouse moi satisfeito do traslado desta peza “de enorme valor arqueolóxico” ao Concello soberino. E puxo en valor que “este menhir, sen dúbida, se converterá nun atractivo máis para os visitantes que acudan ao noso municipio”. Ademais, Guitián avanzou que nas próximas semanas, unha vez que o menhir estea en Sober, procederase á súa limpeza, consolidación e a musealizalo no Centro de Recepción de Visitantes.

Tal como explican dende o Concello de Sober, o menhir foi atopado “caído contra unha pequena canle de regadío no lugar da Veiga, parroquia de Canabal ” polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo durante as tarefas de control arqueolóxico das obras de mellora da vía férrea entre Monforte de Lemos e Canabal. Está realizado sobre unha pedra granítica alongada de sección xeral cuadrangular sen arestas e mide 176 centímetros de longo, cun diámetro de entre 110 centímetros na parte superior e 180 centímetros no corpo. “Ao parecer, xa nos documentos antigos se sinalaba esta pedra como o límite entre as propiedades da Casa dos Andrade e a Casa de Tor ou da Bastida. Ademais, e segundo a súa morfoloxía, os expertos aseguran que se trataría dun menhir do Neolítico”, aseguran dende Sober.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button