ConcellosÚltima hora

O Concello de Trives convoca un concurso de contos curtos no marco da Letras Galegas

O certame, cuxo prazo de presentación de traballos estará aberto ata o 14 de maio, ten por título “Cóntame un Contiño” e vai dirixido a todo o público de 6 anos en adiante
Cartel deste concurso.

Entre as actividades coas que se conmemorará en Trives o Día das Letras Galegas deste ano, adicado a María Victoria Moreno, figura por vez primeira un certame de carácter literario. Trátase do I Concurso de Contos Curtos “Cóntame un Contiño”.

Esta convocatoria vai dirixida a todo o público de 6 anos en adiante e conta con tres categorías segundo a idade: de 6 a 9 anos, de 10 a 13 anos e de 14 anos en adiante. “Son contos de temática libre, pero que deberán incluír as palabras “bica”, “montaña” e “Trives” e, por suposto, deberá estar escrito en Lingua Galega”, segundo se informa dende a Concellería de Cultura do Concello da Pobra de Trives. O prazo para presentar os traballos e concursar vai do 2 ao 14 de maio. Para ver os requisitos e máis información poden consultarse as bases na páxina web: www.apobradetrives.gal

“O obxectivo desta actividade é promover a lectura e a escritura en lingua galega, fomentando tamén a creación literaria. Ademais preténdese que este tipo de accións sirvan para dinamización lingüística”, sinalan dende esta Concellería de Cultura.

Artigos relacionados

Back to top button