EconomíaEconomíaÚltima hora

O Concello de Trives lanza o programa “Adelaida”, que pretende chegar a 15 mulleres

Ten como obxectivo principal a inserción laboral e o autoemprego feminino

Casa do Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, vén de anunciar o Programa Adelaida, nome co que o Concello quere render tributo á trivesa Adelaida Pérez, primeira muller en colexiarse como farmaceútica na provincia de Ourense.

O programa, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, ten unha duración de 4 meses e está dirixido a todas as mulleres do Concello. “Busca fomentar as habilidades laborais e persoais das mulleres, as súa competencias, capacidades e autoestima para mellorar a inserción laboral, a empregabilidade ou a mellora profesional en caso de que estean activas. Este traballo realizarase a través do Servizo Municipal de Orientación e Asesoramento Laboral a Mulleres que durante este tempo deseñará os itinerarios personalizados para cada unha delas”, sinala a rexedora de Trives.

Ademais da inserción laboral, o Programa traballará na prevención da violencia de xénero.
Domínguez destacou os 5 talleres con máis de 30 horas formativas que se impartirán para a adquisición de competencias ás mulleres participantes e a súa mellora persoal, laboral e social. Nomeadamente, estes son: o Taller de autoestima e benestar con perspectiva de xénero; Taller sobre violencia de xénero: ferramentas de sensibilización e prevención; Taller de visibilización, coñecemento e recoñecemento das mulleres; Taller de capacitación para o acceso ao emprego, procesos de selección, habilidades de comunicación e construción definitiva do perfil e o CV; Taller de inserción: os intereses ocupacionais e entorno e o Taller de autoemprego e emprendemento das mulleres.

O Programa complétase con mediación e visitas a empresas e axentes sociais, encontros e dinámicas grupais e un curso de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero dirixido ao persoal do Concello de Trives. “Adelaida” pretende chegar nesta primeira edición a 15 mulleres trivesas.

Artigos relacionados

Back to top button