ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín abre as piscinas descubertas con medidas anticovid

Estas instalacións municipais reabrirán o próximo xoves 1 de xullo

Foto: Concello de Verín.

 

A concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior de Verín, Rosario Rodríguez vén de anunciar este martes que as piscinas públicas descubertas do complexo deportivo da Granxa abrirán o vindeiro xoves, 1 de xullo. Ao igual co ano pasado a reapertura realizarase coas pertinentes modificacións no seu uso, destinadas a garantir a seguridade dos seus usuarios e usuarias e atendendo ás actuais indicacións sanitarias.

O aforo total permitido das instalacións será de 400 persoas, en horario de 12:00 a 20:00 horas. Haberá un corredor de entrada e saída diferenciados para a instalación, sendo obrigatorio o uso de máscara na zona de recepción e vestiarios. Nestes últimos, as duchas non estarán dispoñibles. Asi mesmo, reforzarase a limpeza e desinfección das instalacións para cumprir co esixido pola lexislación vixente en materia de Covid-19.

Haberá dispensadores de xel desinfectante nas devanditas zonas e será obrigatorio utilizar calzado de piscina (chanclas) na zona de praia. As instalacións terán unha sinalización coa normativa que ha de respectarse en todo momento, tanto por medio de marcas no chan como por sinais verticais informativos. Ademais débese cumprir con aquelas indicacións que poidan dar os empregados, que vixiarán en todo momento que se cumpra coa normativa.

O uso da máscara no exterior será obrigatorio cando non se poida cumprir a distancia mínima de seguridade entre non convivintes, tal e como reflexa a normativa actual en materia sanitaria.

Nas zona de baño (piscinas) haberá entradas e saídas diferenciadas, sendo o uso da ducha obrigatorio antes de acceder ás mesmas. Non estará permitido o uso de xoguetes ou outros obxectos de entretemento.

Rosario Rodríguez, concelleira de Recursos Humanos e Réxime Interior quixo lembrar que a apertura de piscinas non implica que se deba baixar a garda ca Covid19 e recordoulles aos cidadáns que teñen a obrigación de acatar as medidas implantadas para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade da Covid-19. Tamén anunciou que este ano se reactiva o servicio de bar. «O ano pasado fomos dos poucos concellos da comarca que decidimos abrir as piscinas, sempre baixo unhas estritas medidas anticovid19, tendo como prioridade a seguridade dos usuarios e usuarias. Esperamos que, coa colaboración dos cidadáns, o período estival acabe, do mesmo xeito que o anterior, sen ningunha incidencia.

As piscinas descubertas de A Granxa

As instalacións, situadas na Avenida de Portugal, contan con tres piscinas de diferentes tamaños e amplias zonas verdes para o disfrute de todos os públicos.

Tendo a Tarxeta da Eurocidade o prezo é de 0.75 euros para os menores de 14 anos e 1.40 euros para os maiores. En caso de non ter a Tarxeta da Eurocidade o prezo é de 0.90 euros para os menores de 14 anos e de 1.75 euros para os maiores. Os menores de 2 anos entran de balde.

O horario é de luns a domingo, de 12.00 a 20.00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button