ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín aumenta a súa aportación económica a Protección Civil nun 20 por cento

Esta agrupación de voluntarios aumentou nun 60 por cento o número de operativos no 2020, con respecto ao ano anterior

Momento da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Verín e Protección Civil./ Foto: Concello de Verín.

 

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil deste municipio, Manuel Alfonso Araujo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas entidades para o mantemento da operatividade e prestación de servizos da agrupación no ano 2020.

No acto, o presidente da agrupación entregou e explicou ao alcalde a memoria anual de actividades realizadas polos voluntarios durante o ano 2020. No descurso da reunión, Araujo detallou balance anual do ano 2020, no que aumentaron nun 60 por cento o número de operativos con respecto ao ano anterior. Destas intervencións, o 70 por cento estiveron relacionado coa pandemia: traballos de repartición de alimentos e medicamentos, entrega de material escolar, desinfección de vehículos de emerxencias ou colaboración nos cribados Covid-19 realizados pola Xunta de Galicia. A parte destas actuacións realizáronse outras como a colaboración na extinción de incendios forestais na comarca, ou intervencións de apoio en situacións de emerxencia derivadas dos temporais de vento, inundacións etc.

“Recentemente cumprido o ano da pandemia, os voluntarios estiveron e seguen estando ao pé do canón, desde o primeiro momento, coas persoas que máis o necesitan. É un traballo duro, pero o agradecemento que nos mostra a xente é o que nos axuda a seguir adiante co noso labor”, explicaba Manuel Alfonso Araujo.

Pola súa banda, Seoane amosaba novamente o seu agradecemento polo “labor totalmente desinteresado e altruísta que os voluntarios veñen prestando, ano tras ano, en beneficio de todos os verineses”, e destacaba especialmente o seu papel fundamental durante este último ano marcado pola pandemia “velando sempre por quen máis o necesita”. Por último, Seoane anunciou tamén o incremento da achega económica municipal a devandita agrupación nun 20 por cento.

O obxecto do convenio é regular as bases de colaboración entre o Concello de Verín e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, aprobados o pasado 11 de xuño do ano 2014 pola asemblea de voluntarios/as da mesma e o pleno municipal na sesión do 20 de xuño da mesma data, no que se estipula que a Protección Civil Municipal ten coma fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas.

Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade da agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín, a Xunta de Galicia a través do 112 e outras entidades públicas ou privadas (previa autorización do Concello de Verín), entre outras.

Artigos relacionados

Back to top button