ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín comeza a renovación dos seus parques infantís

Substituiranse máis de 1500 m² de chan das zonas de xogo por caucho continuo

Publicidade
Un dos parques infantís de Verín./ Foto: Concello de Verín.

 

O Concello de Verín vén de anunciar o inicio da primeira fase do plan de renovación, mantemento e mellora dos parques infantís do municipio, cuxo obxectivo é incrementar a seguridade dos usuarios, fomentar a accesibilidade e rehabilitar o mobiliario danado. Para isto, substituiranse un total de 1.500 m² de chan destes parques infantís por caucho continuo e realizaranse os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen.

Segundo informou esta mañá o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, tras realizar un estudo pormenorizado do máis trinta parques infantís do casco urbano, centros educativos públicos e pobos do municipio, “poñeremos en marcha unha batería de accións de mellora entre as que se incluirán a substitución dos cauchos amortecedores de caídas que estean desgastados por caucho continuo, a actualización dos xogos infantís danados, así como os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen”.

Seoane tamén quixo puntualizar que o importe necesario para a realización deste plan de renovación integral, que supoñerá un investimento total de 100.000 euros, estará incluído nunha nova modificación de crédito orzamentario.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da área de Mocidade, Diego Lourenzo Moura, explicou que con este plan búscase atender, de maneira integral e ordenada, á vixente petición veciñal de actualización das zonas de xogo infantís de competencia municipal. “É de vital importancia dotar a todas as zonas de esparexemento infantil da vila e pedanías dunha mellora integral e equitativa. Debemos lembrar a importancia que teñen estes parques para os nosos menores xa que, ademais de ser espazos de lecer e diversión ao aire libre, compren un papel fundamental no desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas”.

Melloras nas zonas deportivas exteriores

Desde o Concello de Verín, tamén se sinalaba esta mañá que -nesta mesma liña de traballo- procederase á adecuación de varias das zonas deportivas exteriores municipais, realizado labores de mantemento do mobiliario deportivo, así como de substitución dos firmes deteriorados.

Artigos relacionados

Back to top button