CulturaCulturaÚltima hora

O Concello de Verín edita un libro que relata a relación desta vila co cine

A obra, escrita pola verinesa Raquel Besteiro Gestoso, presentábase na mañá do 5 de xaneiro
Diego Lourenzo, tenente de alcalde de Verín, coa autora do libro, Raquel Besteiro, e co alcalde, Gerardo Seoane./ Foto: Concello de Verín.

Pequena historia do cine en Verín é o título do libro que se presentaba na mañá do 5 de xaneiro no Concello de Verín. Está escrito pola verinesa Raquel Besteiro Gestoso (Verín 1996), estudante de Comunicación Audiovisual en Pontevedra. Nest libro, editado polo Concello de Verín, recolle os fotogramas dunha historia colectiva: a evolución das salas de exhibición de cine dende a chegada do celuloide á vila. Un percorrido que vai dende finais do século XIX ata a actualidade.

“Os recordos relacionados con estes cinemas están a diluírse co paso do tempo e atopar información sobre eles foi unha tarefa complexa”, lembraba Besteiro. “Por unha banda, Verín non dispón dun arquivo oficial sobre datos ou acontecementos da época e unha parte importante do público asistente ás sesións daqueles cinemas xa non vive aquí, faleceu ou ten unha idade moi avanzada, ou eran moi pequenos por aquel entón”.

Ademais de falar dos cinemas da vila e dos recordos relativos a espectadores, operadores ou outros empregados, Raquel Besteiro dedica unha parte da obra ás rodaxes que tiveron lugar na comarca. “Para iso, tanto Manuel Ayán como o crítico de cinema Eduardo Galán proporcionáronme unha valiosa nformación sobre todas as obras audiovisuais nas que dun modo ou outro, Verín tiña un papel relevante”, engadía Besteiro.

Na presentación do libro a autora estivo acompañada polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, e polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo, que resaltaron a “firme aposta” que o grupo de goberno está a realizar polos talentos temperáns locais e, en concreto, polo ámbito audiovisual como catalizador dos mesmos. A obra distribuirase de forma gratuita esta fin de semana ao adquirir unha entrada do cine municipal para calquera dos pases.

“É hora de recoñecer e repescar os talentos, presentes e potenciais da nosa vila. A obra de Raquel sobre a historia do cinema non é máis que un claro exemplo do talento temperán e do potencial dos nosos mozos e mozas que nós, como políticos, non podemos deixar escapar”, sinalaba o alcalde de Verín.

Pola súa banda, Diego Lourenzo apuntaba a importancia que o cinema ten na idiosincrasia de Verín desde que as primeiras exhibicións chegaron á localidade, hai máis de cen anos. “Había case tres lustros que o cinema botara o pano en Verín. Nós voltamos a subilo porque cremos nel o suficiente como para lembrar ese papel dinamizador e vertebrador que tivo na vila. O recente éxito do cinema municipal e do I Festival Internacional de Curtas de Verín -VÍA XIV- non fai máis que reafirmar que ésta sempre será unha vila de cinema”, indicaba o tenente de alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button