ConcellosÚltima horaVerín

O Concello de Verín remata as accións de limpeza e conservación do río Támega no seu tramo urbano

Con esta actuación búscase previr futuros problemas de inundación

Publicidade

 

Conclúen as accións de limpeza do tramo urbano do leito do río Támega ao seu paso pola vila, concretamente nas zonas situadas entre a ponte de Verín e Pazos. As actuacións realizadas dende o Concello tiveron por obxecto levar a cabo as medidas de protección necesarias no leito do río Támega “para a súa conservación e mantemento, coa finalidade de previr futuros problemas de cheas invernais e consolidar un caudal mínimo continuo ao longo do tramo urbano do río Támega, ao se paso por Verín”.

Os traballos consistiron na limpeza e roza selectivos, utilizando tratamentos silvícolas (que favorecen o crecemento das especies que forman o bosque de ribeira) de ambas as marxes do tramo urbano que engloba desde a represa da zona do Olivar ata a Ponte de Melo, así como na retirada selectiva de sedimentos nas zonas necesarias.

Esta actuación executouse tras recibir a pertinente autorización por parte da Confederación Hidrográfica do Douro na que se especifica que «non causa prexuízo a integridade do espazo, non afecta de xeito significativo a hábitats prioritarios ou a núcleos poboacionais das especies de interese para a conservación ou elementos da paisaxe que revistan unha importancia fundamental para os compoñentes da biodiversidade.»

«Esta é unha actuación preventiva máis das que vimos realizando desde o Concello de Verín, previa autorización de Confederación Hidrográfica do Douro, en zonas onde a acumulación de grava, broza e sucidade converten certas zonas do leito do río Támega en puntos de perigo de inundación», explicou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo.

Fotos: Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button