CulturaCulturaÚltima hora

O Concello de Viana anima á lectura no Día do Libro

Debido á situación de confinamento, desta volta non se organizarán actividades neste 23 de abril

 

A diferenza doutros anos, desta volta en Viana do Bolo non haberá actos para conmemorar o Día do Libro neste 23 de abril. Debido á “excepcional situación de confinamento que estamos a vivir, as actividades programadas para celebrar esta data (feira do libro, contacontos, exposición de obras, etc.) non poderán ter lugar. Porén animamos a todo/as os/as lectores/as que o desexen a acceder á plataforma de préstamo gratuíto de libros GaliciaLe”, destacan dende o Concello de Viana.

Trátase dunha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.
Realiza “un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar”, indica o Concello.

Galicia Le inclúe dous catálogos: o “Catálogo galego” e o “Catálogo en castelán”. As obras incluídas neles poderán lerse e visionarse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles e ordenadores persoais. No caso dos libros, poderá facelo, ademáis, desde un lector de libro electrónico.

Dende o Concello de Viana lémbrase a aposta realizada nos últimos anos pola lectura e a biblioteca municipal, con actuacións como a ampliación do seu fondo, a reforma das instalacións e a organización de diferentes actividades. Tamén se incluíu á biblioteca na “Rede Meiga”, “unha ferramenta para informatizar a xestión dos fondos da biblioteca, e que permite aos/ás socios/as da mesma acceder a multitude de información, documentación, recursos, web, buscadores, revistas, etc.”, matizan dende o Concello.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button