En portadaÚltima hora

O Concello de Viana do Bolo presenta o programa do Entroido 2020

O Domingo Gordo, 23 de febreiro, terá lugar o desfile de fulións e a Festa da Androlla

Un Boteiro vianés, correndo pola praza Maior da vila./ Foto: Torfy.

 

O 13 de febreiro, Xoves de Compadres, comezará o Entroido en Viana do Bolo, unha celebración declarada de interese turístico galego e que se prolongará ata o 26 de febreiro, Mércores de Cinsa, co Enterro da Sardiña. “Serán case dúas semanas cheas de tradición, festa, diversión, gastronomía”, segundo o rexedor vianés, Secundino Fernández, que presentaba xunto á concelleira de Cultura, Graciela Diéguez o programa desta festa.

 

A concelleira de Cultura de Viana e o alcalde, na presentación do programa do Entroido./ Foto cedida.

 

Unha das xornadas de referencia será a do “Domingo Gordo”, 23 de febreiro, co tradicional desfile de fulións e carrozas e, seguidamente, coa Festa da Androlla que, este ano, cumple o seu 50 aniversario. Con motivo de tan sinalada data, o Concello de Viana do Bolo ten preparados para este ano unha serie de actos culturais: exposición de Entroido de Edna García Estévez (que inclúe fotografías, carteis e debuxos da autora), exposición fotográfica dos “50 anos da Festa da Androlla” e representación das tradicionais disputas do Entroido os sábados 15 e 22 de febreiro).

Dende o Concello de Viana tamén se indica que o “Salón Intenacional de Turismo Gastronómico. Xantar 2020” adicará a xornada do 6 de febreiro ao Entroido e a 50 Festa da Androlla de Viana do Bolo, “unha homenaxe na que estará presente o Boteiro (a figura máis representativa do Entroido vianés) e a androlla (o noso produto gastronómico máis típico e recoñecido)”, segundo o alcalde.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button