EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

O Concello de Viana lanza a campaña de apoio ao comercio local “Neste Nadal contamos contigo”

Incluirá sorteos de vales de compra e de agasallos así como un concurso de escaparates

 

Concienciar á cidadanía da importancia de realizar compras e de gastar no comercio local. Con este obxectivo o Concello de Viana do Bolo, xunto á plataforma www.comproenviana.com, lanzará a partir do vindeiro luns 7 de decembro a campaña “Neste Nadal contamos contigo” que incluirá sorteos e un concurso de escaparates. Ademais engade outro lema “Se ti compras en Viana, todos ganamos”.

Así, está previsto o sorteo de 3 bonos de compra para cambiar nos establecementos participantes. “Os comercios que se adhiran á campaña recibirán rifas que lle entregarán aos clientes que efectúen gastos no seu local. Por cada 20 euros de gasto, entregarase unha rifa para a participación no sorteo”, explican os promotores da campaña.

 

 

En total sortearanse tres vales de compra patrocinados polo Concello: un de 150 euros, un de 100 euros e outro de 50 euros. Ademais cada un dos comercios da campaña patrocina un agasallo que será sorteado dentro de lotes.

Por outra banda, está previsto un concurso de decoración de escaparates de Nadal, no que se establecen dous premios: un primeiro premio de 200€ e un segundo premio de 100€.

Dende a organización da campaña, que lanzou tamén varios vídeos promocionais, explícase que poderán solicitar nela “todas aquelas persoas físicas ou xurídicas cuxas actividades comerciais se consideren incluídas na temática da campaña e teñan o seu establecemento ou empresa en Viana do Bolo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button