ConcellosÚltima hora

O Concello de Vilamartín cede unha vivenda a Cruz Vermella para atender a refuxiados

O municipio valdeorrés súmase ao programa de acollida e integración social das persoas solicitantes de protección internacional
O alcalde de Vilamartín (centro) cos responsables provinciaal (esquerda) e comarcal (dereita) de Cruz Vermella.

O salón de plenos do Concello de Vilamartín de Valdeorras acollía na tarde do 8 de maio a sinatura dun convenio de colaboración polo que se pon a disposición de Cruz Vermella unha vivenda nesta localidade para a atención de persoas refuxiadas ou solicitantes de asilo. Ao acto asistiron o alcalde de Vilamartín Enrique Álvarez, o tenente de alcalde e concelleiro da Área de Sanidade, Pablo Deramond; o presidente da Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Valdeorras, Maximino Alonso; e o  presidente provincial de Cruz Vernella,  Felipe Ferreiro.

A vivenda que o Concello rehabilitou consta de 1 salón, 1 cociña, 3 habitacións e 1 baño. As obras de acondicionamento no exterior consistiron na construción dunha rampla de acceso, a parte das escaleiras que xa existían. No interior habilitouse unha cociña completa, incluídos electrodomésticos, e colocáronse varios mobles obtidos de doazóns así como material aportado por Cruz Vermella.

O obxectivo principal do programa de atención a persoas solicitantes de protección internacional é a acollida e integración das mesmas na sociedade. Cruz Vermella Española conta actualmente con 1.513 prazas de acollida en 39 provincias, o que supón que leva triplicado a súa capacidade nos últimos meses, sendo a porcentaxe de ocupación de máis dun 90%. Agárdase poder ampliar esta rede ata as 1.700 prazas este ano. As nacionalidades máis comúns das persoas atendidas no último semestre son sirias, ucranianas e venezolanas. Un 27% dos atendidos son menores de 18 anos.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button