OurenseÚltima hora

O Concello desvela os gañadores do concurso de pinchos de primavera

Sabores de Ourense deixa premios en seis establecementos da cidade a través de cinco categorías
Imaxe dos gañadores do concurso de pinchos Sabores de Ourense, na edición primavera 2016.
Imaxe dos gañadores do concurso de pinchos Sabores de Ourense, na edición primavera 2016.

O Concello de Ourense puxo nome e cara aos pinchos gañadores do concurso Sabores de Ourense, na súa edición primavera 2016. A través do departamento de Turismo e Termalismo, os premiados recibiron o seu recoñecemento nun acto que puxo no máis alto a seis establecementos hosteleiros da cidade: La Estación de Loman, Tapa Negra, A Saia da Carolina, Fuentefría, A Casa do Pulpo e A Casita do Pulpo.

Cinco foron as categorías e cinco os xurados aos que tiveron que namorar cos seus mellores ingredientes. Os establecementos participantes enfrontábanse nesta edición de primavera a un xurado profesional, ao premio do público, a un xurado da prensa, á categoría de ‘pincho celíaco’ e ao premio da APP #saboresdeOurense.

Deste xeito, o xurado profesional, composto polo premiado maitre e somelier Nacho Costoya, os representantes da Escola Hostelería Vilamarín,Eva Fachado e Eduardo Redondo, e o bloqueiro gastronómico José Luis Oliveira, decidiu outorgarlle a medalla de ouro a La Estación de Loman, polo seu pincho “Máscara”. O podio pechárono Tapa Negra, que obtivo prata co seu “Peta-Z”, e A Saia da Carolina, con bronce por “A horta da Carolina”.

Pola súa banda, o público que votou a través de máis de 2.300 papeletas concedeu o primeiro posto a Fuentefría, por “Un mar de fume”, acadando 243 votos. O segundo premio foi para A Casa do Pulpo, por “O rei do monte”, que conseguiu 161 apoios, e o terceiro para A Casita do Pulpo, coa súa tapa “Polbo na cama”, con 159 votos.

O xurado de prensa, composto polos xornalistas Paula Lodeiro e Higinio Osorio, declinou o seu veredicto en favor da Saia da Carolina, un dos máis premiados do certame. “A horta da Carolina” foi tamén o favorito na categoría de ‘pincho celíaco’, concedido pola delegación ourensá da Asociación de Celíacos de Galicia.

Por último, o público tamén decidiu gañador a través da APP #saboresdeOurense: Fuentefría, que se alzou tamén coa vitoria na categoría de votos por papeletas.

Na antesala dos galardoados tamén se quedaron como finalistas os establecementos de La Gula, Barallete, Bar Miguel, O Comellón, A cuqueira de Lourdes, Sybaris ou A Feira.

Texto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button