ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco adxudica a xestión da piscina climatizada a Cativos Gestión Educativa SL

A instalación ampliará o seu horario e tamén as súas actividades, pero aínda non se sabe a data exacta da súa apertura

 

A xestión do servizo público municipal da piscina climatizada do Barco estará a partir de agora en mans da empresa Cativos Gestión Educativa SL. A súa adxudicación aprobábase na sesión plenaria celebrada pola Corporación barquense na tarde do 26 de novembro por 9 votos a favor do PSdeG-PSOE, fronte ao voto en contra de Riada Cidadá e ás seis abstencións do PP e do BNG.

Tan só dúas empresas concorrían ao concurso, sendo esta a mellor valorada con 53,5 puntos, tal e como explicaba o voceiro socialista, Aurentino Alonso, que tamén explicaba que do máximo de 100.000 euros anuais a aportar polo Concello que se establecía no prego, a empresa establecía 95.000 euros.

Tamén indicaba que coa súa reapertura a piscina climatizada ampliará os seus horarios xa que de luns a venres abrirá ás 7h. (unha hora antes) e que ademais funcionará tamén de 14h. a 16h. O seu peche será tamén ás 22h. “Durante as fins de semana os horarios serán iguais que os que había antes”, matizaba Alonso, que tamén adiantaba que se ampliarán as actividades que viñan prestando ata agora. O que todavía non está concretado é a súa data de apertura. “Será cuestión de semanas, pero no podemos precisar canto tempo”.

A súa intervención non convencía ao voceiro de Riada Cidadá, Félix Yáñez, quen amosaba o seu desexo que poida reabrirse canto antes, pero que votaba en contra porque “pensamos que a xestión da piscina debería ser pública, do Concello”. Ademais preguntáballe ao equipo do goberno se estaba a traballar na denuncia sobre os fallos existentes na piscina dende a súa construción.

Dende o PP a súa portavoz, Sabina Aguado, consideraba “un motivo de alegría que se estean dando pasos de cara á apertura da piscina”, se ben lamentaba a lentitude dos mesmos, “tendo en conta que leva máis de ano e medio pechada, nós estamos contentos coa xestión realizada”. E, como Riada Cidadá, preguntaban se finalmente o Concello reclamará por posibles neglixencias da empresa construtora da piscina, tendo en conta “que os prazos para poder facelo están a piques de vencer”.

Ante isto o voceiro socilalista sinalaba que “a denuncia por defectos e vicios da piscina está en mans dun avogado que está a traballar cos técnicos, xa está en marcha o proceso de reclamación”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button