ConcellosEn portadaÚltima hora

O Concello do Barco aproba unha moción para potenciar o uso do galego

A proposta do BNG era aprobada cos votos a favor do PSOE e Riada Cidadá, mentres que o PP votaba en contra

 

Non pensaba falar pero non lle quedou máis remedio. Tras dar conta ao pleno da súa renuncia como concelleira por motivos persoais, e das palabras de cariño dos seus compañeiros de partido e tamén da oposición, a socialista Irene Dacal despedíase emocionada do Concello do Barco cunhas sinxelas pero sentidas palabras: “Grazas a todos por poñermo fácil e axudarme xa que eu nunca pensara estar en política ata que cheguei a ser concelleira”, dixo, asegurando que para ela “foi un pracer e fíxeno todo con moita ilusión e ganas”. Insiste en que volverá polo Barco moi a menudo e incluso convidou aos seus compañeiros a pasar por Arcade (onde marcha) para tomar unhas ostras “ou o que faga falta”.

Con estas palabras comezaba o Pleno ordinario do mes de xuño no Barco de Valdeorras, celebrado na tarde do xoves día 4, no que se aprobaban os dous puntos da orde do día, sen apenas intervencións. O debate chegaba xa na fase de control, na que se incluían dúas mocións presentadas polo concelleiro nacionalista Jesús Vilasánchez (unha delas por vía de urxencia).

 

Irene Dacal no pleno, antes de despedirse dos seus compañeiros.

 

Na primeira, sobre a promoción da lingua galega, aprobada cos votos a favor do PSdeG-PSOE e de Riada Cidadá (o PP votaba en contra), Vilasánchez explicaba que “o proceso de normalización da lingua galega realizado ata o día de hoxe por parte das administracións públicas non foi suficiente para garantir o dereito a vivir libremente na lingua propia de Galiza”. Na exposición de motivos, o voceiro nacionalista tamén sinalaba que “a política lingüística emprendida polo actual goberno galego non vai na dirección correcta e así o desmostran os estudos diferentes estudos realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) en relación á lingua galega”, lembrando que, “froito da importancia da nosa lingua no eido internacional e os seus vínculos coa lusofonía e a lingua portuguesa, o Parlamento galego aprobou hai 6 anos a Lei 1/2014, do 24 de marzo, a chamada Lei Paz Andrade que a día de hoxe segue sen desenvolverse malia ao sentir favorábel da poboación galega”.

Neste senso, e trala aprobación da moción, o Concello do Barco “instará á Xunta e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero”, ademais de “dirixirse á Xunta para que todos os membros do goberno galego respecten a lexislación vixente e empreguen a lingua galega en todas as súas manifestacións públicas” e para que “adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego”. Entre os acordos aprobados tamen está a promoción por parte do Concello do Barco da “realización de campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega en diferentes sectores, dándolle especial importancia á infancia e á mocidade”.

 

O concelleiro do Grupo Mixto, Jesús Vilasánchez.

 

No seu turno de intervención o concelleiro do Grupo Mixto Félix García asegurou que “é coherente e correcta pero gustaríanos que este tipo de mocións fose consensuada co resto de partidos que queiran defender a lingua galega”. A concelleira popular Sonia Guitián pola súa banda asegurou ser galego-falante pero “temos dúas linguas oficiais e deberiamos poder utilizalas como queiramos”, criticando ao do BNG por “galeguizar o apelido do presidente da Xunta”.

Quen máis se estendeu na súa intervención foi a socialista Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco, asegurando que “o galego gana prestixio pero perde falantes malia ser unha asignatura obrigatoria”, lamentando que se está perdendo “como lingua materna pois xa non se fala no seo familiar”. Pizcueta tamén asegurou que non é un problema da Xunta ou do PP, senón “do propio Feixóo que incumpre a Lei de Normalización Lingüística ao facer declaracións para os galegos en castelán. Está traballando pola desaparición da lingua galega”, sentenciaba antes de dar o seu voto á moción.

O concelleiro do Grupo Mixto Jesús Vilasánchez tamén propoñía outra moción sobre a eliminación do Tren-Hotel que pasa por Valdeorras, aínda que parece que se trata máis ben dunha suspensión temporal polo Estado de Alarma. “Pola información que teño, en ningún momento ían eliminar ese tren. A día de hoxe ese servizo non corre perigo polo que non apoiaremos a moción”, dixo o alcalde Alfredo García, lembrando que “o realmente importante para O Barco para Valdeorras, e polo que seguiremos pelexando, é o Corredor Atlántico de Mercadorías”. A moción foi rechazada.

Artigos relacionados

Back to top button