En portadaÚltima hora

O Concello do Barco confirma 26 positivos de Covid no municipio nos dous últimos días

Nun bando o alcalde anuncia o peche dos parques infantís e pide que "durante as vindeiras semanas se reduzan, na medida do posible, todas as reunións e celebracións, así como as concentracións de persoas tanto no ámbito privado como no público"

Exterior do Concello do Barco.

 

Dende o Concello do Barco vén de emitirse un bando relativo á situación sanitaria do municipio con relación ao Covid. Nel confírmase a existencia de 26 positivos no municipio. “Nos dous últimos días confirmáronse 26 positivos entre os nosos veciños. A orixe destes contaxios, dos que todos os datos apuntan ás relacións sociais en establecementos hoteleiros e comerciais, obriga á adopción de medidas drásticas para protexer aos nosos veciños”, sinala o alcalde do Barco, Alfredo García.

Nesa liña, “ademais das regras xa indicadas, é imprescindible que durante as vindeiras semanas se reduzan, na medida do posible, todas as reunións e celebracións, así como as concentracións de persoas tanto no ámbito privado como no público”, indica o rexedor.

Peche de parques infantís

Así mesmo, Alfredo García indica que, como se rexistraron “dous contaxios en centros escolares, desde hoxe quedarán pechados os parques infantís, xa que aínda que se trata de espazos ao aire libre, son lugares con alta concentración de nenos con contactos estreitos, cos que se poden producir contaxios. O peche manterase durante as próximas dúas semanas, á espera da evolución desta situación. Ademais de desexar unha pronta recuperación aos afectados, o Concello pon o departamento de Servizos Sociais a disposición de todos eles para o que precisen”.

Extremar as medidas de precaución

O rexedor pide que se extremen as medidas de precaución e apela á responsabilidade cidadá, “que isto se pare depende de nós. É o momento de demostrar que somos un pobo de veciños responsables e comprometidos. E, todos xuntos, evitar que a situación se agrave nos próximos días”, sinala no bando.

E por iso lembra á veciñanza “a necesidade de cumprir todas as normas establecidas polas autoridades sanitarias para evitar unha maior propagación do coronavirus. O uso da máscara para todos os maiores de 6 anos, a distancia de seguridade ao manter relacións cos demais, e a intensificación da hixiene de mans, son as recomendacións que deben seguirse ao pé da letra para loitar contra esta pandemia. No caso do Barco, a veciñanza ten tido un comportamento exemplar desde o inicio desta crise, o que permitiu que durante os últimos meses houbese moi poucos casos entre a poboación, e ningún ingreso hospitalario”.

O bando do alcalde do Barco pode consultarse neste documento.

bandocovid2

Artigos relacionados

Back to top button