ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco e COGAMI asinan o convenio para o programa de inserción sociolaboral

En dous anos 120 persoas atoparon traballo no Barco grazas á Confederación Galega de Persoas con discapacidade

 

Na mañá deste mércores 10 de marzo asinábase no Barco de Valdeorras o convenio de colaboración entre o Concello e COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) para o programa de inserción sociolaboral. “O que fixemos hoxe é plasmar nun documento algo que levamos tempo facendo”, aseguraba o alcalde Alfredo García, recoñecéndolle o mérito a COGAMI “que é quen fai o traballo, porque as administracións estamos para axudar e colaborar que é o que fixemos dende o Concello do Barco e estamos encantados”.

Na sinatura tamén estaba o presidente da entidade, Anxo Queiruga Vila, quen explicou o labor que están a levar a cabo en Valdeorras. “Nós estamos para botar unha man e romper a racha de desemprego, que duplica a do resto da sociedade no caso das persoas con discapacidade, así como a taxa de inactividade”, para o cal están levando a cabo unha atención directa cos usuarios.

 

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila.

 

“No Barco hai 292 persoas que demandan emprego e 392 na comarca de Valdeorras, segundo a nosa base de datos”, indicou Queiruga Vila, explicando que COGAMI é un centro asociado ao Servizo Galego de Colocación dende o que xestionan este servizo en toda Galicia “ademais de programar na comarca accións formacións para persoas con discapacidade, segundo a demanda, para darlles saída laboral”, puntualizou, engadindo que hai unha colaboración estreita coa axencia de emprego da comarca así como coa asociación de empresarios. “A verdade é que é sinxelo manter reunións e conveniar os períodos de prácticas para as persoas con discapacidade que formamos”, dixo o presidente de Cogami, destacando que “o ano pasado atopouselle emprego a 60 persoas con discapacidade, no 2019 a outras 60 e no que vai de 2021, a 8 persoas co cal hai que seguir traballando. Hoxe é un día para felicitarnos pola colaboración histórica que vimos mantendo entre o Concello do Barco e Cogami co único obxectivo de por en valor as capacidades que teñen todas as persoas e traballar pola igualdade de oportunidades”.

Cogami ten habilitado un local no primeiro andar do Concello Vello do Barco onde Laura Fernández Leal, orientadora laboral de COGAMI na zona de Valdeorras, realiza o seu traballo todos os xoves. “Prestamos servizo de orientación laboral e búsqueda de emprego, ademais as empresas tamén nos presentan ofertas de traballo e nós preseleccionamos aos candidatos; e por suposto prográmanse accións formativas cos usuarios”, explicou Anxo destacando tamén o traballo que leva a cabo Disvalia, “unha asociación que forma parte de Cogami dende a que nos trasladan os problemas e demandas que detectan, poñendo ademais en marcha importantes programas. Todos sumamos polo que é importante esa colaboración e crear sinerxias entre o colectivo e a administración pública”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button