En portadaÚltima hora

O Concello do Barco e o CCA asinarán un convenio de 50.000 euros para material de protección

É unha das medidas que porá en marcha para apoiar ao tecido comercial e hostaleiro do municipio. Ademais porá en marcha con Cáritas unha campaña de recollida de alimentos

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante a rolda de prensa celebrada nesta mañá./ Foto cedida.

 

No marco da crise xerada pola emerxencia sanitaria do COVID-19, o Concello do Barco ten previsto poñer en marcha unha serie de medidas de carácter social, pero tamén de apoio ao tecido comercial e hostaleiro do municipio. Así o anunciaba nunha rolda de prensa celebrada neste xoves 7 de maio o alcalde, Alfredo García.

Unha delas será a renovación do convenio anual que o Concello ten co Barco Centro Comercial Aberto (CCA), pero con dúas novidades moi importantes, xa consensuadas con esta entidade empresarial. Unha delas será o cambio na contía, que pasa dos 18.900 euros inicialmente previstos para este fin nos orzamentos a 50.000 euros. Ademais este diñeiro iría destinado a mercar material de protección e incluiría non só aos establecementos asociados ao CCA, senón ao conxunto do sector.

“Falamos duns 300 tipos distintos de negocios. Esta cantidade económica permitiría dotalos de material como guantes de vitrilo, 2 litros de hidroxel por cada local que poderían usarse en dispensadores, mascarillas reutilizables (unhas 20.000), etc.”, adiantaba o alcalde, quen ademais explicaba que estes 31.200 euros “suplementarios do convenio proceden de minoracións da Consellería de Cultura de actividades que non se teñen celebrado neste trimestre. Esta era unha das peticións realizaba na súa moción o PP”.

Por outra banda, o sector comercial e hostaleiro do Barco tamén lle plantexaba ao Concello outras tres cuestións. Unha delas é que non se cobre a taxa de terrazas. “Non o faremos”, confirmaba Alfredo García, que ademais sinalaba que a partir do luns poranse colocar o 50% das mesas concedidas o ano pasado. “A idea manter a seguridade e tamén garantir o espazo para os peóns nos cruces das terrazas. Para iso, e de maneira excepcional mentres dure esta situación, se hai aparcamentos nese lado da beirarrúa, as terrazas colocáranse nos aparcamentos para que a beirarrúa quede libre de maneira que os viandantes poidan gardar a distancia de seguridade”.

Outra das peticións de comercio e hostalaría é que non se cobren as taxas de auga e de lixo neste trimestre, algo que o Concello do Barco está estudando. “No caso do auga, está claro que a taxa cobra o consumo e neste caso non o houbo, pero o tema do lixo temos que miralo. Condonar estes recibos suporá para o Concello unha cantidade duns 30.000 euros, tendo en conta o que supuxeron no último trimestre do pasado ano 2019”, indicaba o alcalde.

Campaña “Carriño solidario” en colaboración con Cáritas

No ámbito dos servizos sociais, o Concello do Barco ten en marcha unha nova iniciativa en colaboración con Cáritas Interparroquial do Barco. Trátase da campaña “Carriño solidario”. “Puxémola en marcha a petición dos veciños e en colaboración con supermercados. A entrada de cada un deles haberá un carro da compra no que se poderán deixar alimentos non perecedoiros que lle serán entregados a Cáritas. Por agora xa temos confirmada a participación de Covirán, Gadis e Froid e estamos esperando que nos confirmen se se suman á iniciativa Eroski e Familia. Falamos cos supermercados grandes, pero a campaña está aberta a todos, así que se hai algún outro supermercado que queira participar, pode facelo”, matizaba o alcalde do Barco.

Así mesmo, nestas semanas de crise reforzouse o traballo dos servizos sociais municipais e os Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que subiu en cinco familias máis a cifra de familias atendidas. “Non tivemos ningún contaxio no SAF, que contou con suficentes EPIs e material de protección. Ademais aumentamos as axudas directas con vales de comida e tramitamos expedientes de axudas doutras administracións como a Deputación”.

Malia que o Concello do Barco conta cun “superávit importante”, non se pode utilizar “nin para gasto social nin para políticas de emprego” debido á regra de gasto, “dependemos da decisión do goberno central”, di o rexedor barquense, que pide que se na comisión estatal na que se aborde a reconstrución económica do país se decida “claramente que ten hacer cada administración (Estado, comunidades autónomas e concellos) e con que recursos van contar para iso”

Con respecto a futuras actividades do Concello, Alfredo García, non quixo adiantar acontecementos. “Non sabeos que vai pasar a partir de xullo coas festas do Cristo, por agora non imos tomar decisións, imos ser prudentes”.

Artigos relacionados

Back to top button