ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco entrega 9.600 mascarillas aos centros públicos de primaria do municipio

Entregáronse 1.600 unidades ao CEIP Otero Pedrayo de Viloira, 3.200 ao Julio Gurriarán e 4.800 ao Condesa Fenosa

 

Dende o Concello do Barco vén de entregarse esta semana 9.600 mascarillas cirúrxicas aos centos públicos de primaria do municipio para que as distribúan entre os alumnos que as precisen. “O número de mascarillas determinouse en función do volume do alumnado, entregándose 1.600 unidades ao CEIP Otero Pedrayo de Viloira, 3.200 ao Julio Gurriarán e 4.800 ao Condesa Fenosa”, segundo informa a administración local barquense.

A entrega de mascarillas únese, segundo o Concello, a “outras achegas extraordinarias realizadas nos centros de ensino para facer fronte ás necesidades evidenciadas por mor da pandemia do Covid-19. Para o inicio do curso escolar fixéronse limpezas especiais e, en todos eles, incrementáronse as horas de limpeza habituais, para poder facer tarefas extraordinarias ao longo da xornada escolar. Este é o capítulo que supuxo un maior investimento, xa que as limpezas extraordinarias deben manterse diariamente ata que finalice a situación sanitaria actual”.

Así mesmo, o Concello do Barco indica que se adquiriron papeleiras de pedal para as clases dos centros (68 en total para os colexios que as necesitaron), e dispensadores de hidroxel, así como garrafas de líquido hidroalcohólico para todos eles.

“A adquisión dos materiais indicados decidiuse ante a situación existente nos colexios públicos do Barco, necesitados de mascarillas e doutros medios de prevención fronte ao Covid, pero que non viron incrementados os orzamentos que reciben da Xunta para adquirir estes materiais, e non dispoñen, polo tanto, dos recursos necesarios para elo”.

Fotos: Facebook Anpa Aturuxo do CEIP Julio Gurriarán.

 

Artigos relacionados

Back to top button