ConcellosEn portadaÚltima hora

O Concello do Barco expón ao público o borrador do novo plan de mobilidade municipal

Zonas como o Malecón e o casco vello quedarían só restrinxidas ao paso de vehículos de residentes e a carga e descarga e cunha limitación de 20 km/h

Tras pasar por varias comisións de Medio Ambiente no Concello do Barco, a última na semana pasada, o borrador do Plan de Mobilidade deste municipio pasa a poñerse á disposición da cidadanía na web desta administración local (www.concellodobarco.org) ao longo da mañá deste 4 de outubro e durante dous meses.

“Queremos facer público este documento e poñelo a disposición da cidadanía para se fagan as suxerencias oportunas xa que vai marcar a planificación do Barco a 20 ou 30 anos vista, por iso queremos lograr o máximo consenso de todos e dámoslle moita importancia a participación dos veciños”, aseguraba o alcalde do Barco, Alfredo García, na presentación deste plan ante os medios de comunicación na mañá do 4 de outubro. E matizaba que na mesma web do Concello figurará un apartado no que se poderán realizar suxerencias.

“Trátase dun amplo documento no que cada liña de actuación contemplada ten os seus planos correspondentes para explicala. É un plan que busca máis espazos para os peóns e para outros medios de mobilidade como as bicicletas, e facendo todo iso compatible cos vehículos e coa seguridade das persoas”, engadía o rexedor. Indicaba que as primeiras medidas poranse en marcha xa neste ano, como é o caso dalgunha senda peonil e campañas de sensibilización.

Ao seu carón, a concelleira de Medio Ambiente do Barco, Diana Urdangaray, incidía en que esta política de mobilidade no Barco pretende “mellorar a calidade de vida dos veciños” e tamén a accesibilidade e matizaba que o plan conta con tres obxectivos principais: “promover os modos máis sustentables de transporte, fomentar a humanización do espazo público urbano e contribuír á sustentabilidade ambiental, económica e social”. Para logralos o documento plantexa seis directrices principais: “promover as condicións do modo peonil, o emprego da bicicleta e a intermobilidade, diminuír o emprego do automóbil, promover sistemas de estacionamento e fomentar os cambios de comportamentos con cambios na sinalización”. O documento tamén recolle cuestións como a redución na pegada de carbono.

Pola súa banda, o rexedor barquense matizaba que as rúas barquenses non son, polas súas características, suficientemente amplas para crear carrís bici, entón “faremos que todos os vehículos vaian pola calzada, pero con medidas para garantir á seguridade”. Unha delas será a limitación da velocidade a 30 km/h por hora en boa parte da vila, agás a zona do Malecón e do casco vello, onde quedará reducida a 20 km/h e o tránsito restrinxido a residentes e a carga e descarga. Esas limitacións poderían controlarse, “se fose necesario, coa instalación de radares”.

Tamén haberá cambios nos aparcamentos coa supresións dos que existen nalgúns puntos e a creación doutros en zonas cercanas en lugares como a estrada xeral da vila.

“Entre todos imos facer un plan consensuado. No 2020 xa poderemos facer algunhas cousas, pero as grandes actuacións terán que esperar a contrución e posta en marcha da estrada de circunvalación, que nos liberará dos camións”, concluía Alfredo García.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button