En portadaÚltima hora

O Concello do Barco prepara unha campaña de apoio ao comercio e á hostalaría

Ademais o alcalde barquense anuncia a anulación da taxa de terrazas tamén para o 2021 e actividades para dinamizar a economía no Nadal

 

O Concello do Barco vén de presentarlle á Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA)  nunha xuntanza un proxecto para a dinamización económica do pequeno comercio e a hostalaría do municipio, para o que aportará 110.000 euros de maneira directa. “Estes cartos empregaranse na distribución de tarxetas cun valor de 50 euros, dos que o Concello aportará 20 euros, e 30 euros o titular da mesma. Serán, como máximo, 5.000 tarxetas, polo que se conseguirá mobilizar un total de 250.000 euros nos establecementos comerciais e hostaleiros do Barco”, tal e como se indica dende o Concello. No encontro participaban representantes de AEVA, o alcalde do Barco, Alfredo García, e o concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Eladio Santos.

Deste proxecto, no que aínda se está a traballar nestes momentos, beneficiaranse “tanto os establecementos comerciais e hostaleiros como os propios veciños do municipio, estes porque poderán facer compras cun desconto directo do 40%, e aqueles porque deste xeito se dinamizará un sector que se ten visto especialmente castigado pola crises a causa do Covid”, sinala o Concello do Barco.

Está previsto que os detalles da proposta queden pechados nos próximos días, se ben xa está decidido que desta campaña poderán “beneficiarse unicamente persoas residentes no municipio e os cartos só se poderán gastar en establecementos do Barco. As tarxetas (1 por residente) poderán utilizarse nos establecementos que se adhiran á campaña durante un prazo de entre 2 e 3 meses, ao termo dos cales quedará desactivada”, tal e como se adianta dende o Concello.

Analizarase no pleno municipal de novembro

Dende esta administración local tamén se indica que a campaña desenvolverase nos próximos meses, “sempre de acordo coa opinión dos representantes do comercio en AEVA para ver o momento no que o  consumo se retrae de xeito especial”. Todos os detalles do proxecto estableceranse nun convenio que asinarán o Concello do Barco e AEVA, mentres que a aportación económica será proposta polo grupo municipal de goberno no pleno ordinario que se celebrará no mes de novembro.

Na xuntanza mantida cos representantes de AEVA para presentar este proxecto tamén se indicaba que “a ordenanza de terrazas inclúe a meirande parte das peticións realizadas polos hostaleiros, no que atinxe á instalación de cortaventos, sombrillas e estufas”.

 

 

Anulación da taxa de terrazas para o 2021

Así mesmo o alcalde do Barco anunciaba que “o Concello non cobrará as taxas pola instalación de terrazas no ano 2021, ao igual que neste ano 2020, e seguiremos a non liquidar a taxa mentres se manteña a situación de
emerxencia sanitaria”. Tamén se manterán as mesas en zonas que non impidan o tránsito de peóns alí onde sexa necesario.

Na reunión, o alcalde recordou que estes 110.000 euros que se destinarán á campaña (100.000 para a incorporación as tarxetas e 10.000 para os gastos de elaboración das mesmas) se suman aos investimentos realizados nos últimos meses polo Concello para apoiar ao comercio e á hostalaría.

“Só a taxa de terrazas supón 15.000 euros anuais, polo que estamos a falar de 30.000 euros”, apuntaba Alfredo García que tamén mencionou outros gastos, “como a compra de valados para acotar terrazas, que foron outros 4 ou 5.000 euros, o programa especial cultural “Terrasón” para zonas da hostalaría, con 17.000 euros de gasto; outros 6.000 euros no proxecto “Entretendas” e os 32.000 euros que se destinaron á adquisición de material de prevención (hidroxel e máscaras) para os establecementos comerciais e hostaleiros”. Ademais aseguraba que, “se engadimos outros gastos, estase a falar de máis de 200.000 euros de axuda directa a este sector. Ningunha outra administración colaborou polo de agora co sector”.

A idea do Concello do Barco é continuar co apoio decidido ao pequeno comercio e á hostalaría, e por elo, ademais da campaña de tarxetas bonificadas, estase a preparar un programa especial para Nadal, “con luces, pista de xeo, e actividades para os nenos, entre outras propostas” para que, “se as autoridades competentes o permiten, e respectando as normas de prevención establecidas en cada momento; tratar de manter a ilusión nos nenos e tamén nos maiores, e que poidan saír ás rúas, con toda seguridade claro está, para gozar do Nadal”.

Artigos relacionados

Back to top button