ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco presenta unhas Festas do Cristo “con moita arte”

Celebraranse do 13 ao 16 de setembro con actividades previstas xa para a fin de semana do 8 e 9

Tanto no programa como no cartel e incluso no pregón, as Festas do Cristo 2018 do Barco de Valdeorras rezuman arte, e esa é a característica que, segundo a concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, marca a diferenza nesta edición dos festexos principais barquenses.

A presentación do programa tiña lugar na mañá do 30 de agosto contando coa presenza da propia Margarida, do alcalde Alfredo García, do concelleiro de Deportes Aurentino Alonso e de Coquixo, coautor xunto a Joli Domínguez, do cartel e do programa de man, que sairá á rúa a vindeira semana, “un 50% máis grande que o do ano pasado”, dixo Coquixo, a petición da poboación.

O programa arrancará o 13 de setembro co pregón a carto do escultor barquense Xelo de Tremiñá a quen a concelleira agradeceu publicamente que accedera, e estenderanse ata o domingo 16 con ingredientes habituais das festas como é a programación cultural e artística. Non faltarán orquestras (catro, entre elas a Olympus), actividades para os nenos, os clásicos deportivos como o Madrugón o Día do Cristo (14 de setembro), o Descenso so Sil o sábado día 15 ou a Milla Urbana o domingo 16, entre outros. Tamén haberá teatro (o domingo repetirán “Polos camiños do tempo”), un concerto do grupo indie La habitación roja, a festa das pandillas, maxia,… Ademais, o día 17, será o Día dos Nenos nas atraccións.

 

Cartel das Festas do Cristo 2018, obra de Coquixo e Joli Domínguez.

 

Con todo, as actividades comezarán xa a fin de semana anterior cunha nova edición da Feira de Valdeorras que este ano irá arroupada por unha serie de actividades como xogos para os nenos ou actuacións musicais. A máis novidosa será unha exposición artística tanto de rúa como na sala de exposicións,que presentarán na vindeira semana.

Esta ano ademais, o Concello do Barco secunda a campaña se sacaron a FEGAMP e a Xunta “De troula con sentido”, en contra da vilencia sexista. “Para iso solicitamos por escrito tanto ás orquestras como aos artistas que, na medida do posible, dentro do seu repertorio intenten evitar cancións onde as letras inciten a unha falta de igualdade entre homes e mulleres”, asegurou a concelleira.

Máis información no Especial Cristo do Periódico O Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button