ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco prevé colocar máis trampas contra a larva da procesionaria

Polo de agora instálaronse un total de 13 en árbores do Xardín Botánico e nos situados xunto á Casa do Río Cigüeño

 

A primeiros de marzo o Concello do Barco iniciaba a colocación dun total de 13 trampas contra a praga da procesionaria en árbores de dous puntos do municipio: no Xardín Botánico (no Paseo do Malecón) e no xardín situado na parte dianteira da Casa do Río Cigüeño.  Os efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Valdeorras eran os encargados de instalalas. “Inicialmente esta praga afectaba só aos piñeiros, pero adaptouse e agora pasou tamén aos abetos e aos cedros. Tamén é unha praga cuxa estensión depende moito da climatoloxía”, explican dende o Concello do Barco.

A procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) é un tipo de eiruga moi prexudicial para este tipo de árbores, que vive en grupo e se despraza en filas de gran lonxitude. Coa chegada da primavera, como sucede agora, os seus niños (que pon sobre as ramas das árbores) empezan a eclosionar, baixando as larvas da árbore para ir enterrarse no chan co fin de transformarse en bolboretas.

As eirugas da procesionaria teñen o corpo cuberto de longos pelos que son tóxicos e resultan urticantes, podendo xerar irritacións e alerxias a persoas e animais se entran en contacto con eles. De aí que dende o Concello se procedese a instalar estas trampas, que o que fan é evitar que as larvas poidan chegar ao chan. “A trampa consiste nunha especie de cinto de plástico que se pega ao perímetro do tronco da árbore e as eirugas quedan dentro dela e xa non poden saír”, indican dende o Concello. Optouse por esta solución ao non utilizar produtos fitosanitarios pola proximidade do río Sil.

Ademais dende o Concello do Barco recoñecen que algunha das trampas chegou a caer nalgún momento debido ao calor, pero foron colocadas de novo. E prevese seguir instalando novas trampas noutros lugares do municipio. Tamén se lle pide á veciñanza que teña precaución ao pasear con nenos por puntos da vila onde haxa este tipo de árbores, así como que evite pasear con cans por eses lugares.

Fotos: A.R./ Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button