En portadaÚltima hora

O Concello do Barco publica un bando con consellos para o Día de Todos os Santos

Un dos accesos ao cemiterio do Barco, no Día de Todos os Santos do 2019.

 

Ante actual situación sanitaria polo Covid-19, e tras a decisión do Bispado de Astorga de suspender os oficios relixiosos nos cemiterios (tal e como xa adiantaba dende este medio de comunicación), dende o Concello do Barco vén de emitirse un bando para informar dunha serie de medidas e recomendacións a todos aqueles que decidan acudir ao campostanto nestas datas.

“É aconsellable acceder ao cemiterio de xeito escalonado, co fin de evitar aglomeracións de veciños tanto nas entradas como no interior. Tamén se recomenda que as persoas máis vulnerables utilicen as horas de menor afluencia ao recinto. As visitas deben ser o máis curtas posible, con grupos familiares de poucos integrantes, mantendo sempre a distancia persoal recomendaba. Tamén se lembra que é obrigado o uso da mascarilla”, segundo o bando asinado polo alcalde barquense, Alfredo García.

Ademais, para evitar aglomeracións, e dado que, pese a que non haberá misas, “todos queremos que eses días os cemiterios sigan a lucir, como todos os anos nestas datas”, polo que o Concello indica que sería “importante que as tarefas de limpeza se realicen durante os días anteriores ao 1 e 2 de novembro”.

O bando municipal apunta así mesmo que, “dada a situación, os materiais de limpeza non deben compartirse entre os asistentes, as escaleiras dispoñibles para os veciñs no propio cemiterio deben limparse despois do seu uso e, se se utilizan as fontes para recoller auga, os usuarios deberán desinfectar as mans antes de facelo”.

Finalmente, o Concello apela á responsabilidade cidadá, “isto depende de nós. Xa temos demostrado que somos un pobo de veciños responsables e comprometidos. Temos que seguir nesa liña para lograr, todos xuntos, que a situación mellore día a día”.

Artigos relacionados

Back to top button
Close