ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco reunirá aos veciños para explicarlles a reforma da praza Maior

Así o anunciaba o alcalde durante a sesión plenaria celebrada esta tarde pola Corporación barquense

Aspecto actual da praza Maior do Barco./ Foto: A.R.

 

O proxecto de mellora da praza Maior do Barco, incluída a zona de Porto da Barca, cos tramos do paseo do Malecón e rúa Pérez Lista alí existentes; seralles explicado aos veciños nunha reunión que o Concello do Barco ten previsto celebrar na mesma praza Maior. Así o adiantaba o alcalde do Barco, Alfredo García, durante o pleno celebrado esta tarde ao responder a unha pregunta formulada pola concelleira do PP, Sabina Aguado. Na xuntanza, da que aínda non hai data, tamén participará o arquitecto municipal para expoñer a proposta do Concello, que xa se fixo pública nuns paneis colocados nesa mesma zona.

Así mesmo, o rexedor barquense insistía en que o Concello está aberto a todo tipo de suxestións e propostas de cara a incorporalas ao proxecto. “Este non é un proxecto para o ano que vén, senón para varios anos, e ten que ser proxecto de todos, nón só da veciñanza da praza, xa que a praza é o emblema do Barco, é de todos. A nosa maioría non vai impoñer ningún tipo de proxecto, todos temos algo que aportar”.

 

Sesión plenaria deste mes de maio no Barco./ Foto: A.R.

 

Parques infantís

No pleno tamén se abordaba a situación dos parques infantís a partir de dous rogos que facía o concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez. Nun deles pedía que o Concello revisase o chan do parque infantil situado xunto á desembocadura do río Cigüeño, “sobre todo na zona máis próximo ao quiosco, que dá un cheiro como a gasoel”, dicía o edil nacionalista. O alcalde anotou o rogo e dixo que se miraría o estado desta parte do parque. Ademais Vilasánchez tamén plantexaba a preocupación dalgúns pais ante a situación do arborado situado xunto ao parque infantil da Casa Grande de Viloira, “chopos con alto risco de car sobre o parque”.

Na súa intervención, Alfredo García, lembraba que hai máis dun ano a Xunta (en cuxos terreos está ese parque) xa procedera a limpar, a petición do Concello, as ramas das árbores. E apuntaba que nesta semana mantivo unha conserva co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, na que lle solicitaba que aproveitando a reforma do exterior da Casa Grande que vai a realizar a Administración galega, fagan tamén “un proxecto de remodelación do xardín para que ver que se pode facer con esas árbores, que ademais de xerar posibles problemas de seguridade no parque tamén crean problemas nos tellados dos edificios colindantes”.

 

Outro dos momentos do pleno ordinario do Barco./ Foto: A.R.

 

Piscinas municipais

Así mesmo, no apartado de rogos e preguntas, o edil de Riada Cidadá, Félix García, preguntaba polo estado das obras de reforma das piscinas municipais ao aire libre, tendo en conta a chegada do verán. A resposta do alcalde do Barco foi que esperaba que éstas puidesen abrir as súas portas a mediados de xuño.

Artigos relacionados

Back to top button