ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco sacará a concurso a concesión da O.R.A

Aprobábase en Pleno denegar a solicitude de prórroga por parte da actual concesionaria

 

A empresa que dende o 14 de agosto de 2014 leva a xestión do servizo público de ordenación e regulación de aparcamento de vehículos (O.R.A.) no Barco de Valdeorras non seguirá prestando o servizo. Así se decidía tras “denegar a solicitude de prórroga” de Dornier ao cumprirse os cinco anos de contrato estipulado no prego. Un ditame que era aprobado no Pleno ordinario celebrado na tarde do 7 de novembro cos nove votos do equipo de goberno (PSOE) e os sete en contra da oposición (BNG, PP e Riada). A denegación da prórroga vén precedida por unha serie de informes negativos tanto de tesoureiría, como de secretaría e intervención ante “irregularidades” especialmente no tocante á facturación e por non cumprir os requisitos para levala a cabo.

Na súa intervención, o voceiro do BNG asegurou que “dende o 14 de agosto a empresa xa non ten contrato polo tanto non podía ter cobrado os tíkets de aparcamento dende esa época. Estou dacordo con que non se lle renove, basicamente porque non fixeron nada máis que incumprir sistematicamente o contrato, pero dende o noso grupo en lugar doutra concesión o que pedimos é a remunicipalización da O.R.A.”

De remunicipalización tamén falou o  voceiro de Riada Cidadá pero “cun dobre sistema: zona azul para a xente que non paga o imposto de circulación no Barco e para o resto un sistema de reloxo de control horario (cambiar o coche cada certo tempo)”, explicou solicitanto ao Concello que se faga un estudo e mentres tanto “que non cobre aos veciños”.

 

O voceiro do BNG amosando os tickets da O.R.A.

 

Dende o Partido Popular aseguraron estar “dacordo con moitas cousas pero dende o noso grupo vemos que se pon de manifesto unha mala xestión na tramitación deste asunto. Non sempre se lle pode botar a culpa aos funcionarios e a nós provócanos desconfianza, e votar a favor é como recoñecer que é normal que as cousas se fagan mal, ser cómplices dunha mala xestión”.

O alcalde do Barco Alfredo García pola súa banda, asegurou que “a empresa presentou a solicitude en prazo pero contestouselle cando se fixo o expediente. Déronse determinadas circunstancias, a principal o cambio de tesoureiro, os técnicos fixeron un estudo pormenorizado e chegaron a determinadas conclusións principalmente vencelladas ás contas e cando se lle contestou xa estaba fóra de prazo. A solución pasa porque continue prestando o servizo ata que se saque de novo a concurso”. García comprometeuse a “facer un estudo riguroso e pormenorizado para ver outras alternativas pero a realidade é que a maioría das cidades de España contan con zona azul e esta é das máis baratas e danse moitas facilidades. Ademais solucionouse o problema do aparcamento e existen aparcamentos alternativos para quen non queira pagar. O sistema funciona”. Con respecto á remunicipalización “implicaría uns custes que habería que estudar”, dixo. Un estudo que “levará tempo e mentres sacaremos a concurso a concesión e esta empresa deixará de prestar o servizo”.

No Pleno tamén saíron a relucir outros temas como a “rescisión do contrato” á empresa encargada da xestión do cine “por incumprimento” ou as goteiras na cuberta do pavillón polideportivo de Calabagueiros. Segundo o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso xa están traballando no arranxo pero están á espera de “máis material para poder completar a obra”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button