OurenseÚltima hora

O Concello modificará o pavimento de Oira e os Remedios por 421.000 euros

Estas actuacións faranse dado o mal estado destas dúas instalacións e espérase que estean dispoñibles na primeira quincena de agosto
As instalacións levan abertas dende principios dos anos 2000.

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense vén de facer unha inversión de 421.000 euros para substituír o pavimento sintético dos campos de fútbol de Oira e Os Remedios e a súa adecuación para a obtención da certificación “FIFA Quality Pro”.

En concreto, o pavimento sintético de Oira, que foi instalado no 2001, atopábase nun avanzado estado de avellentamento. O seu rendemento a nivel deportivo e de seguridade, apuntan dende o propio Concello, resulta moi baixo. E este aspecto xa o fixeron constar algúns colexiados en actas dalgún dos partidos desputados nesta instalación. En canto ao pavimento sintético do campo de Fútbol 11 do Pavillón dos Remedios, este foi instalado en 2005 co que o seu estado tamén estaba moi avanzado.

Dende o Consello de Deportes apuntan que a vida útil deste tipo de instalacións oscila entre os 8 e os 10 anos, independentemente do nivel de uso, co que ambos os dous campos xa finalizaron ese período dende hai tempo.

En canto as actuacións estas inclúen a desmontaxe e retirada do céspede existente, con maquinaria especial, separación da área, e do caucho para seu posterior reciclaxe, para o depósito en xestor de residuos autorizado. Tras iso, instalarase unha rede de rego con canóns de longo alcance. Tras iso colocarán unha base elástica prefabricada de características necesarias para a obtención da certificación FIFA Quality pro.

Finalmente, colocarán unha nova manta de céspede sintético de 12.000 dtex e 45 mm de longo monofilamente, lastrado con área de sílice e caucho.

O importe final das obras, que se deriva da oferta presentada, é de 219.802,68€ nas obras de Oira e de 201.308.21€ en Os Remedios, procedente dunha modificación de crédito do remanente de tesourería do Consello Municipal de Deportes. Nesta modificación, inclúese unha partida na mellora de eficiencia das luminarias destes campos e a adquisición dun vehículo.

Dende o Consello de Deportes estiman que a finalización das obras na primeira quincena de agosto, para darlle tempo os equipos usuarios a realización das pretemporadas.

Artigos relacionados

Back to top button