OurenseÚltima hora

O Concello proxecta uns orzamentos de 100,5 millóns para o 2017

O proxecto saiu tras coñecerse o informe do Consello Consultivo no que din que non facía falta unha RPT para levalos adiante
Ana Morenza. // Foto: Carlos Asensio.

O Goberno municipal de Ourense fixo público hoxe, 9 de maio, o proxecto dos Orzamentos do exercizo 2017 nunha rolda de prensa da man da concelleira de Facenda, Ana Morenza, que reuniu aos grupos da oposición para remitírllelo. Segundo explicou a edil, xa non fai falta que estea aprobada a Relación de Postos de Traballo (RPT) segundo un informe do Consello Consultivo de Galicia. Algo que non gustou nada entre os partidos da oposición. Morenza explicou que “preguntamos aos técnicos, que son os que saben, e eles dixeron que tiñamos que ter aprobada a RPT, logo cambiaron de opinión e remitimos o documento ao Consello Consultivo e eles dixeron que non facía falta”.

Tendo en conta todo isto, finalmente o teito de gasto fixado é de 100,5 millóns, dado que a Lei de Estabilidade Orzamentaria non lle permite usar os 105.647.5219 euros de previsión de ingreso “xa que ese remanente de cinco millóns hai que destinalos a aqueles proxectos, de iniciativas propias e do resto dos grupos, que sexan beneficiosos para o desenvolvemento da cidade e sempre que contemos co apoio da oposición”, dixo a edil.

En total, o gasto fixo (persoal, servizos etc.) é de 82 millóns de euros, polo que serán 18 os que xestionarán as diversas concellerías. Morenza sinalou que “grazas á boa xestión económica, o Concello alcanzará a débeda cero este ano e iso permite minorar a partida de Economía e Facenda nun 60%”. Asemade, engadiu que se viron na obriga de optimizar os recursos “e aplicamos criterios de realizade e non políticos subxectivos” e por iso recalcou que a prioridade do Goberno e “reforzar a área social”, e por iso teñen previsto incrementar en case un 10% a partida neste área, pasando de 5,8 millóns a 6,3, “pero tamén dotaremos transversalmente fondos sociais a outras concellerías”, dixo Morenza.

Outra área que verá aumentada a súa partida será a de Comercio. En concreto un 51%, pasando de 89 millóns a 138 para gasto corrente. “Gasto que redundará en axudas para o comercio local”, dixo a concelleira. Infraestruturas aumentará o seu orzamento nun 3,9% con respecto ao 2014. Neste eido, Morenza dixo que “grazas ao apoio do PSOE por apoiar o Plan de Obras , por importe de máis de 12 millóns de euros e co apoio tamén da Deputación, poderase ir executando no próximos dous anos”.

Neste proxecto de Orzamentos tamén se contempla un aumento na partida de Persoal, pasando de 35.257.079 a 37.535.066 euros (aumenta un 6,1%). Volvendo á RPT, Ana Morenza explicou que hai cambios lexislativos que obrigan a dotar tanto ao posto real como ao posto sombra. Quedan dotados así os postos de bombeiros, policía local vacantes que saen a convocatoria”. Pola súa banda, Seguridade tamén verá aumentada a súa dotación nun 5% con respecto ao 2014 e Participación Cidadá reducirase un 13%, quedando en 502.000 euros para este exercizo.

As partidas que reducirán a súa aportación, de saíres o proxecto adiante, serían as de Cultura, que baixa uns 250.000 euros e queda en case 2 millóns (unha redución dun 14%), alegando esa redución á colaboración con outras entidades públicas e privadas a través de convenios de colaboración. E Educación sofre unha mínima minoración, quedando en 1.683.034 euros, “tendo en conta o gran apoio da Xunta no que a obras en colexios se refire”, dixo a responsable de Facenda.

Termalismo manterase e Turismo verá reducida tamén a súa partida un 30% “contando con que, tal como sucede en Cultura, obteranse axudas doutras entidades”. Urbanismo reduciu a súa partida en 2 millóns de euros.

Pola súa banda, Servizos Xerais, Deportes e mantéñense. Cunha pequena redución dun 5% na segunda área.

Ana Morenza anunciou que o próximo 23 de maio haberá unha xuntanza cos grupos a oposición “xa que gobernamos en minoría e temos que escoitar as súas aportacións e temos que buscar acordos”. A edil asegurou que “se existe un rexeitamento a este borrador é por cuestións políticas alleas ao seu propio contido”.

Oposición: A RPT e a ausencia do alcalde

José A. Barquero (PSOE)               

“Pido a dimisión de Jesús Vázquez. Eu xa dixen en varias xuntas de área que a RPT non tiña que estar aprobada para aprobar os orzamentos. Porque aprobar unha RPT pode levar meses ou anos. O Consello Consultivo deulle a razón aos Socialistas. A resolución saíu o 17 de abril e Jesús Vázquez era coñecedor do resultado e non quere dar a cara. O alcalde tiña que estar hoxe aquí e non de viaxe”.

 

 

Gonzalo Pérez Jácome (D.O.)

“É intolerable que o PP entregue unha copia dos orzamentos xusto á metade do mandato. Os orzamentos son anuais e, tras dous anos, o PP entrega o primeiro borrador. O Consello Consultivo deu a razón a Democracia Ourensana, xa que non é preciso ter a RPT, isto significa que o o alcalde usou esta escusa como parapeto da súa indolencia. Chama a atención que escollan este día, cando Vázquez está de viaxe. Quizais para escapar das preguntas sobre esta chapuza de informe e evitar dar explicacións”.

 

Martiño Xosé Vázquez (OUeC) 

“O equipo de desgoberno de Jesús Vázquez perdeu o tempo durante dous anos. Por que non se pediu ese informe con anterioridade?. Estaban agardando aos cambios no Concello Consultivo promovidos por Feijóo que en febreiro acordou nomear a dedo aos letrados deste ente mermando a súa autonomía e independencia e artellando que maxistrados de confianza traballen a medias para eles. As formas coas que foi convocada a reunión sen orde do día e coa ausencia do alcalde e os orzamentos son o máis importante dun Concello, o alcalde debería estar presente e capitanear a negociación”.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button