OurenseÚltima hora

O Concello revisa cos veciños de Seixalbo a segunda fase da campaña de compostaxe

 

José Araújo visitou, canda aos técnicos, as casas dos veciños inscritos no programa.

O concelleiro de Infraestruturas, Medio Ambiente, Limpeza e Perímetro Rural do Concello de Ourense, José Araújo, acompañado por técnicos ambientais, visitou hoxe, 2 de maio, aos veciños de Seixalbo para comprobar como están a levar a cabo o proceso de compostaxe nos compostadores proporcionados polo Concello dentro do programa “Compostaxe: toda unha vantaxe”, realizado en colaboración con Sogama.

O obxectivo desta campaña, desenvolvida pola área de Limpeza e Xestión de Residuos, é a de reducir o volume global dos residuos producidos no fogar mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe e obter así un fertilizante natural con excelentes propiedades para o chan. Para iso, o programa deu comezo no mes de decembro do pasado ano. En total, foron 65 os veciños que se interesaron e se inscribiron.

Unha vez que os participantes obtiveron o seu compostador, co compromiso de instalalo e utilizalo, o 6 de marzo iniciouse unha primeira fase de visitas de seguimento, na que técnicos ambientais visitaron todos os fogares participantes para comprobar a correcta instalación do compostador e asesorar ante calquera tipo de dúbida ao redor do mesmo e do proceso de compostaxe.

Actualmente, o programa está na segunda visita de comprobación, na cal os técnicos ambientais comproban se as achegas de restos ao compostador son os correctos e asesoran aos veciños para que o proceso de elaboración de compost siga por bo camiño. Neste sentido, o equipo de José Araujo puido comprobar hoxe in situ que, tras 3 meses, os veciños de Seixalbo están a seguir ben as indicacións dos técnicos, o que se traduce en que están a levar a cabo un correcto proceso de elaboración de compost.

Artigos relacionados

Back to top button