CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O concerto acústico de Fran Perea e Pablo Piñeiro no Aguillón, pon o broche á Baco Festa 2022

Por esta edición da festa de exaltación dos viños da D.O. Valdeorras así como o pasado romano da vila, pasaron unhas 5.000 persoas, segundo a organización

 

Da man de Fran Perea e Pablo Piñeiro, seguido dunha sesión disco, na madrugada do 15 de agosto baixaba o pano a Baco Festa 2022, logo de tres días de degustación de viños da D.O. Valdeorras ademais doutros produtos da zona, e un completo programa no que non faltaron as actividades para os máis pequenos, a música e mesmo a maxia.

No apartado musical, a xornada do domingo, a últimas da festa, estivo marcada polos sons tradicionais da Banda de Gaitas de Abertal que actuou pola mañá, música ambiente ao longo de todo o día e a actuación de Fran Perea e Pablo Piñeiro pasadas xa as 23:30 horas, co seu espectáculo Lo que te contaron el amor que combina música, literatura e humor.

 

 

Nesta actuación en formato acústico e íntimo, Pablo Piñeiro puxo de manifesto as súas investigacións en torno ás relacións sentimentais, algunha delas recollidas no seu libro Lo positivo de fracasar en el amor. Pola súa banda, Fran Perea interpretou algúns dos seus temas musicais dedicados ao amor con grandes clásicos da súa discografía entre os que non faltaron La chica de la habitación de al lado ou Uno más uno son siete, tema central da serie Los Serrano.

Humor, reflexión e emocións nun espectáculo único e irrepetible que conquistou ao público na Rúa, poñendo o broche de ouro a esta concorrida e animada edición da Baco Festa pola que segundo a organización pasaron unhas 5.000 personas. “Unha cifra moi superior á rexistrada en anos anteriores na mesma celebración”, tal e como explican fontes da Policía Local da Rúa, sendo a do domingo pola noite, segundo destacan desde a organización, a xornada máis concorrida cunhas 1.600 persoas congregadas en diferentes momentos no recinto feiral do Aguillón, moitas delas atraídas polo concerto.

 

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, móstrase satisfeito coa resposta dos veciños á proposta festiva exposta e coa implicación destes na festa. “Conseguimos o noso obxectivo e demos vida ao pobo nunha das fins de semana máis importantes do calendario estival”, considera o rexedor. Xunto a isto, Fernández destaca que a disposición das casetas e das carpas no recinto feiral permitiu que houbese zonas de sombra que fixeron máis cómoda a presenza dos visitantes durante as horas de calor. Desde o Concello cren que o cambio na disposición das carpas optimizou o confort e mellorou a estética da propia festa debido a que o espazo asemellábase propiamente “a un campamento romano”.
“Asumimos un risco coa nova formulación estética e os veciños transmitíronnos que se sentían máis cómodos”, afirma Álvaro Fernández agradecendo a todos aqueles que traballaron para que a Baco Festa 2022 fose un éxito, entre eles o equipo de goberno, así como o traballo de Protección Civil, Policía Local, Abertal, artesáns, adegueiros, operarios do concello e servizo de limpeza, así como o apoio do Concello de Almendralejo e do embaixador da Rúa neste municipio, que “xuntaron esforzos para conseguir facer realidade a festa de exaltación romana”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button