EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Concurso “Cociña con Castaña de Galicia” desvela a riqueza de posibilidades culinarias deste froito

A final do certame, que vai pola súa sétima edición, tiña lugar o 4 de xullo en Cambre e nela participaban seis concursantes

Tanto en doce como en salgado. A versatilidade e calidade da castaña galega como elemento culinario maniféstase en cada edición do concurso de receitas “Cociña con Castaña de Galicia”. Nesta ocasión contaba cuns 50 participantes de diferentes puntos de España dos que tan só seis conseguían ser finalistas. “Non foi unha decisión sinxela posto que as receitas desbordaron en talento e creatividade”, sinalaban dende a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, promotora desta iniciativa.

Tamén matizaban que tras “unha longa deliberación” os seleccionados eran: na categoría doce Manuel Patiño con “Mousse de Castaña de Galicia con cremoso de licor café”, e Gorka Rodríguez con “Toma castaña!”; na categoría salgada Cristina Menéndez con “Verduras de temporada sobre crema de Castañas de Galicia” e Álex Pirla con “Arroz con alcachofas, algas y Castaña de Galicia”. Finalmente no apartado de estudantes de hostalaría pasaban á final Manoel Messias con “Sabor Galego” e Jorge Bisbal con “Arroz con Castaña de Galicia”.

A final desta sétima edición do certame celebrábase na tarde do 4 de xullo na Aula de Cociña Porto-Muiños de Cambre. Aí demostraban o seu bo facer os seis concursantes seleccionados botando man, como ingredientes principais, da castaña en fariña, en conserva e conxelada. Finalmente resultaban ganadores Gorka Rodríguez con “Toma castaña!” na categoría doce, Cristina Menéndez con “Verduras de temporada sobre crema de Castañas de Galicia” na categoría salgada e o estudante de hostalaría Jorge Bisbal con “Arroz con Castaña de Galicia”.

Dende a IXP Castaña de Galicia expresábase a noraboa “aos gañadores” agradecíase a participación a todos os concursantes “por tanta receita de calidade e a grande creatividade”.

As receitas do concurso poden consultarse en:
http://www.castanadegalicia.org/documentacion/recetario2017.pdf

Fotos: cedidas pola IXP Castaña de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button