OurenseÚltima hora

O Concurso de Beléns Públicos do Concello de Ourense premiará as mellores propostas de entidades, familias e escolares

As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición ata o día 14 de decembro, a través do Rexistro Xeral
Imaxe central dun nacemento.

Xa está en marcha unha nova edición do Concurso de Beléns Públicos de Ourense. Un certame que premiará os mellores nacementos que se expoñan ao público na cidade durante as datas de Nadal, en tres modalidades: entidades, familiares e escolares.

Na categoría de entidades poderán participar todas as asociacións sen ánimo de lucro e establecementos comerciais debidamente acreditados; e optarán a un primeiro premio de 400 euros e un segundo de 300. Na categoría familiares premiaranse con 300 e 200 euros os dous mellores beléns instalados en domicilios particulares, mentres que na categoría escolar daranse premios pola mesma contía a aqueles realizados por alumnos e alumnas de ensino non universitario. Así mesmo, establécese un premio especial de 300 € á creatividade e singularidade nos materiais e no deseño xeral da montaxe do Belén, de entre todos os presentados a concurso en todas as categorías, podendo acumularse a calquera outro premio.

Segundo as bases, os beléns estarán á vista e/ou abertos ao público en escaparates, vitrinas, mostradores, recunchos, etc. En lugares de máis difícil acceso como en centros de ensino, residencias ou casas particulares, a apertura ao público será como mínimo de dúas horas ao día, dentro do horario comercial, e terán que estar ben sinalizados cun cartel no exterior do edificio.

Para puntuar, o xurado valorará os materiais empregados e os efectos de luz, auga e outras creacións, tendo en conta o seu valor artístico, histórico e relixioso. Primaranse os beléns que sexan de nova elaboración sobre os fixos nun espazo, ou aos que simplemente se lle engadan escenas, elementos decorativos ou elementos utilizados en anos anteriores. As visitas para puntuar os beléns será os días 20 e 21 de decembro facendo pública a decisión o 22 de decembro.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a inscrición atae o día 14 de decembro, a través do Rexistro Xeral na Casa do Concello. As bases completas pódense consultar na páxina web da Concellería de Cultura, ourensecultura.com.

Artigos relacionados

Back to top button