EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O concurso “Tempranillos ao mundo”, en Ourense

Este evento desenvolverase do 8 ao 10 de novembro no Centro Cultural Marcos Varcárcel
Santiago Jordi, Luis Buitrón, Rosendo Fernández e Juan Casares.
Santiago Jordi, Luis Buitrón, Rosendo Fernández e Juan Casares.

Os vindeiros días 8, 9 e 10 de novembro celebrarase na cidade das Burgas a undécima edición do concurso internacional de “Tempranillos ao mundo”, no que se convoca á súa vez o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos. A presentación deste evento vitivinícola tiña lugar na mañá do 7 de novembro no Pazo Provincial e contaba coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do presidente nacional de enólogos, Santiago Jordi; do presidente da Asociación Galega de Enólogos, Luis Buitrón; e do director da Estación de Viticultura e Enoloxía, Juan Casares.

A Deputación de Ourense colabora con este evento, que terá lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, porque considera que o sector vitivinícola é “estratéxico para a provincia de Ourense xa que o viño significa para Ourense: riqueza, emprego e, ademais dános asentamento poboacional no rural”, dixo Rosendo Fernández quen salientou que este evento “poñerá en valor a nosa riqueza vitivinícola e situará a “Marca Ourense” a nivel internacional, convertendo a Ourense na provincia vitivinícola de Galicia durante os vindeiros días”.

Santiago Jordi aseguraba que este concurso internacional é “un escaparate para o mundo do viño e, tendo en conta o impacto que teñen os viños da zona a nivel internacional era importante que puideramos celebralo aquí nesta edición”. Asemade, o presidente nacional de enólogos explicou que este evento “nace once anos atrás coa idea realizar un concurso da variedade máis representativa en España, “Tempranillos ao Mundo” pero cada vez que imos a unha cidade a celebralo, intentamos promocionar os viños da zona”.

No relativo á participación, Santiago Jordi adiantaba que nesta edición hai “450 mostras, das cales 325 son de tempranillo nas cales participaron 103 adegas. Ademais de contar con mostras de 19 zonas de produción españolas, temos de Portugal, Mexico, Chile e Arxentina”.

Pola súa parte, Luis Buitrón destacou a excepcionalidade de que Ourense sexa a sede deste evento por contar “con catro das cinco Denominacións de Orixe galegas” e que ademais de viño ofrece “historia e termalismo”. En canto á participación galega, o presidente da AGE, dixo que “en total en Galicia temos 125 mostras de 89 adegas das cinco Denominacións de Orixe”.

Artigos relacionados

Back to top button