En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O I congreso galego de neve e montaña, en Manzaneda

A estación de montaña acolle este seminario en torno ás emerxencias en zonas agrestes con preto de 50 asistentes

Nun marco idóneo, a máis de mil metros de altura, e nevando. Así arrancaba o I congreso galego de neve e montaña, organizado polo Concello de Manzaneda nas instalacións da estación de montaña Oca Nova Manzaneda.

Coordinado por Ulloa Salvamento, o simposio pretendía, a través da participación directa e o debate consensuado, aglutinar a todos os sectores e persoas relacionadas dalgún xeito co mundo da neve a e a montaña, e conseguíano. Preto de cincuenta persoas de perfil moi variado, inscribíanse nesta primeira edición. “Hai xente profesional tanto no tema de rescate como do esquí, moito técnido de emerxencias e tamén simples afeccionados, rapaces moi novos que están opositando a bombeiros, etc”, explica Antonio Ulloa. Tamén a procedencia dos asistentes é do máis variada, chegando dende a propia zona trivesa e incluso dende Sevilla, Alicante, Madrid e Castela León.

Dende o Concello de Manzaneda están satisfeitos coa resposta e esperan darlle continuidade. “Para o ano que vén pretendemos facelo cara o mes de febreiro, con neve”, di o alcalde David Rodríguez, contento tamén de contar co apoio da Xunta, concretamente de Turismo. Mostra dese apoio a esta iniciativa foi a presenza da directora Nava Castro, que chegaba a Manzaneda a media mañá do sábado 9 de abril para inaugurar de forma oficial o congreso. Na súa intervención, Castro sinalou que a práctica do esquí, o sendeirismo ou bicicleta de montaña, a escalada, ou outras moitas das actividades que se poden practicar en Manzaneda, incentivan o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino”. Nese senso resaltou que a estación de montaña de Manzaneda “constitúe un atractivo turístico con enorme potencialidade e está contribuíndo a afianzar o posicionamento de Galicia como destino turístico diferencial e impulsando a desestacionalización da demanda”.

Con respecto á organización do evento, tanto o alcalde de Manzaneda como o coordinador do congreso loaron a calidade e profesionalidade dos ponentes, entre os que hai unha campiona de esquí alpino, médicos, guías e asesores de escalada, gardas civís de montaña, etc.

O congreso divídese en tres partes. A mañá do sábado 9 de abril estivo centrada na seguridade e o deporte; a tarde na natureza e o desenvolvemento sostible coa intervención do propio alcalde de Manzaneda, falando do seu concello como “pioneiro no fomento da formación, o turismo e o desenvolvemento sostible”; e a mañá do domingo 10 de abril, en obradoiros prácticos e simulacros onde os asistentes convivirán coa montaña e todo o seu esplendor.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button