En portadaÚltima hora

O Congreso recoñece a incapacidade permanente para a silicose de grao 1 na lousa

O acordo tomábase á raíz dunha proposición non de lei promovida pola deputada socialista ourensá Rocío de Frutos
Nave do sector da lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.
Nave do sector da lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Con esta proposición non de lei dase resposta a unha das máis importantes demandas dos traballadores da lousa da comarca de Valdeorras e da provincia de Ourense”. Con estas palabras Rocío de Frutos, deputada socialista por Ourense, referíase á aprobación na Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso na tarde do 26 de abril dunha iniciativa presentada polo seu partido na que se pedía a modificación da lexislación actual “co fin de que se recoñeza que a silicose de primeiro grao é determinante de incapacidade permanente total para a profesión habitual, e nos casos en que existe unha situación de risco de continuar no posto de traballo, o traballador ten sido declarado non apto no recoñecemento médico e na empresa non exista posto alternativo libre de po”.

A deputada socialista por Ourense na Congreso, Rocío de Frutos, na súa última visita a O Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.
A deputada socialista por Ourense na Congreso, Rocío de Frutos, na súa última visita a O Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

A deputada socialista tamén sinalaba no texto da proposición non de lei cómo se podería sufragar ese custe: modificando o “Real Decreto 2930/1979 de 29 de Decembro polo que se desenvolve a tarifa de primas para a cotización á Seguridade Social polas continxencias de accidentes de traballo e enfermidades profesionais correpondentes á actividade de extracción e transformación de minerais e no correspondente á IMS”.

Rocío de Frutos resaltaba a importancia do acordo para Valdeorras onde “o sector da lousa é un dos piares económicos fundamentais para a provincia”. Asemade explicaba que a lexislación actual só recoñece a incapacidade permanente total nos casos de silicose de segundo grao, “o que deixa nunha grave situación de desproteción a aqueles traballadores que teñen diagnosticada unha silicose de primeiro grao sen enfermidade interconcurrente derivada da silicose”.

Artigos relacionados

Back to top button