Concellos

O Conselleiro de Cultura comprometeuse a levar adiante o expediente para que a Ribeira Sacra sexa declarada BIC

Román Rodríguez e Manuel Baltar mantiveron hoxe unha xuntanza e tamén falaron con responsables da plataforma Pro-Ateneo para tratar o tema da sé desta asociación cultural
Román Rodríguez e Manuel Baltar.

Tal e como se veu anunciando hai tempo, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Univerisitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantiveron hoxe unha xuntanza na que falaron de varios proxectos de cooperación no ámbito cultural, social e de infraestruturas educativas que o goberno provincial está a desenvolver conxuntamente co departamento que dirixe Román Rodríguez.

Tras a xuntanza, o titular de Cultura confirmou que o vindeiro verán a Xunta de Galicia terá incoado o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra, unha moción que presentara o PSdeG-PSOE no pleno do pasado venres e a cámara provincial aprobou por unanimidade. Este paso servirá para que se poidan continuar cos trámites para acadar a declaración de Patrimonio Mundial da Unesco para este territorio.

Manuel Baltar destacou o inicio do expediente para a declaración como BIC da Ribeira Sacra, “expediente que ten a súa complexidade, pero todos temos o convencemento de que a Ribeira Sacra xa é un patrimonio mundial, e que se anuncien datas como esta, e que xa tratáramos o venres pasado no pleno da Deputación este tema é algo que valoro moi positivamente, tendo en conta que foi precisamente aquí, na Deputación de Ourense, hai tres anos desde onde se reactivou esta petición a prol da Ribeira Sacra”.

Na reunión de hoxe Manuel Baltar e Román Rodríguez trataron tamén o tema do Ateneo de Ourense e posteriormente reuníronse con representantes da plataforma pro-Ateneo para analizar a situación da sé desta entidade. Baltar afirma que coa presenza do conselleiro en Ourense “queda visible esa cooperación, coa dispoñibilidade total por parte da Deputación de Ourense para abordar esa fase intermedia, namentres a Xunta non dispoña unha ubicación definitiva para a sé”, e comentou que os responsables do Ateneo e de Cultura da Deputación xa están en contacto para ver a fórmula que permita dispoñer esa coexistencia en espazos da Deputación, como pode ser nas instalacións do Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

En relación á ubicación na antiga reitoral de Santo André, en Ribadavia, do Museo do Viño de Galicia, Baltar expresou “a total colaboración da Deputación de Ourense para levar a cabo a musealización destas instalacións”; e no ámbito das infraestruturas educativas, o presidente do goberno provincial destacou a importancia “de seguir coa cooperación iniciada hai dous anos entre Deputación e Xunta de Galicia para que a institución provincial colabore nas obras de mellora en centros de ensino da provincia de Ourense”, un convenio que suporá un investimento de 600.000 euros achegados a partes iguais pola Deputación e a Xunta. Baltar considera que toda a cooperación que exista entre administracións e tamén con entidades privadas como neste caso é o Ateneo “é o camiño para achar solucións e evolucionar nos retos que se nos presentan”.

Sobre o Museo do Viño de Galicia Román Rodríguez afirmou que xa están a rematar “as negociacións co Bispado para a cesión das instalacións á Xunta de Galicia, tralo cal se sacaría a licitación o proxecto museístico, para o cal xa existe unha partida orzamentaria na Xunta, e tamén contamos coa colaboración da Deputación de Ourense para o desenvolvemento de actividades relacionadas co ámbito do viño”.

En relación á reunión mantida coa plataforma pro-Ateneo Román Rodríguez cualificouna de “moi positiva”. “O que acordamos foi poñer en marcha unha solución-ponte baseada na proposta realizada polo presidente da Deputación de Ourense, de que a institución provincial achegue un espazo ata que a Xunta poida dispoñer dunhas instalacións na capital ourensá para acoller a sé do Ateneo, especificamente no edificio da biblioteca”, explicou o conselleiro.

Artigos relacionados

Back to top button