En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O conselleiro de Cultura visita a Estación de Montaña de Manzaneda para comprobar o seu novo sistema de innivación

Instaláronse 29 canóns que permiten cubrir de neve as pistas principais da estación en 50 horas. Abarcan unha superficie de máis de 123.000 metros cadrados con tres capas de neve de, polo menos, 50 centímetros de espesor

A instalación do novo sistema de neve artificial da Estación de Montaña de Manzaneda, a gran novidade na estrea da nova tempada de esquí neste complexo, era supervisada na mañá do 18 de decembro polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. Visitaba a estación acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

O proxecto impulsado entre ambas institucións permitirá alongar o período de apertura do recinto, atraendo máis público nos meses de inverno e consolidando unha infraestrutura máis atractiva e competitiva. Trátase dun proxecto estratéxico para toda a comarca, como subliñou o conselleiro, que vai permitir a produción de neve a través dun proceso natural que asegura un estado óptimo para os usuarios da estación.

En total, instaláronse 29 canóns que permiten cubrir de neve as pistas principais da estación en 50 horas. Abarcan unha superficie de máis de 123.000 metros cadrados con tres capas de neve de, polo menos, 50 centímetros de espesor. A actuación impulsada busca aumentar o número de días nos que a estación estea aberta e operativa, ao tempo que mellora a calidade da neve, a oferta de servizos e a imaxe turística da zona, co seu correspondente impacto socioeconómico. Para o presidente da Deputación cos 29 canóns de produción de neve instalados “a estación de montaña dá un salto cualitativo e innovador”.

Ademais Baltar lembrou que o programa EsquiOU, que a Deputación de Ourense mantén coa estación de montaña, para que nenos da provincia de Ourense coñezan as alternativas dos deportes de inverno, “é un éxito ano tras ano, e todas as melloras que fagamos neste ámbito están focalizadas á cooperación entre administracións, a seguir poñendo en valor esta infraestrutura única en Galicia”. “Esta estación de montaña e os concellos de Trives e Manzaneda viven hoxe un día especial, e cando todos os canón estean a plena capacidade será un sono cumprido, o de dotar a esta estación dos medios máis modernos para seguir sendo un importante foco de atracción turística para Ourense e para Galicia enteira”.

Xunto ao novo sistema de innivación, introducíronse toda unha serie de melloras nas pistas, nos accesos e nas prestacións da estación. Así, habilitarase unha app para a venda de abonos a través dos teléfonos móbiles, acompañado de ferramentas para a reserva de equipos por internet ou a xestión de grupos, equipamentos e clases, entre outras iniciativas.

Román Rodríguez e Manuel Baltar puideron comprobar in situ o resultado de todos estes traballos, incluíndo as balsas de aproveitamento con capacidade para 25.000 e 13.000 metros cúbicos ou a sala para o control e o sistema de bombeo principal. Na visita estiveron acompañados da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e dos alcaldes da Pobra de Trives e Manzaneda, Domingo Diéguez e Félix Domínguez, respectivamente. Xunto a eles participaron o presidente da Federación Galega de Deportes de Inverno, Miguel Barreto, e Gustavo Samartín, director xeral de Oca Nova Manzaneda, ademais dos encargados do proxecto de obra.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close