En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O conselleiro de Medio Rural comproba os danos da tormenta no viñedo valdeorrés

A treboada afectaba especialmente aos municipio do Barco e Rubiá, ademais dalgunhas zonas do Bolo como Lentellais e Santa Cruz

Na tarde do 9 de xullo o conselleiro do Medio Rural, José González, viaxaba ata Valdeorras para comprobar in situ os danos causados no viñedo pola forte treboada que se producía onte. Ás 16h. era recibido no Concello do Barco polo seu alcalde, Alfredo García, e polo presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando. Nada máis chegar manifestaba a súa “solidariedade con todos os agricultores da comarca, e especialmente cos viticutores, que puideran resultar afectados polas treboadas de onte” e explicaba que con esta visita quería “facer unha comprobación en persoa dos posibles danos”.

 

 

José González prefería non dar datos, indicando que aínda era prematuro facelo. “Nestes momentos”, dicía, “estase realizando unha avaliación por parte dos técnicos da Oficina Agraria Comarcal, tamén temos algúns datos do Consello Regulador”. Ademais comentaba que, segundo MeteoGalicia, “aquí a treboada foi menos intensa que en Monterrei, onde afectou a menos superficie pero caíu con máis intensidade, por iso é importante que os agricultores dean os tratamentos cicatrizantes xa que ao ser menos intensa a tormenta eses tratamentos poden facer moito máis efecto”.

O conselleiro tamén lembraba que dende a Xunta de Galicia “facemos un esforzo moi grande no que se refire a aseguramento das colleitas, fronte a problemas deste tipo”.

O Barco e Rubiá, as zonas máis afectadas

Pola súa banda, o presidente do CRDO Valdeorras, José Luis García Pando, indicaba que os viñedos dos municipios do Barco e Rubiá resultaban os máis afectados pola pedra, así como “a zona entre Lentallais e Santa Cruz (O Bolo), seguindo a estrada que vai a Viana e a ambos lados da mesma”. Así mesmo, lembraba que a semana pasada A Rúa sufría tamén unha tormenta que danou o viñedo de partes como Pedrazais e Rasedo.

Visita á D.O. Monterrei

Ao longo da tarde o conselleiro de Medio Rural tamén se trasladaba ata Monterrei, outra zona na que o viñedo tamén se viu afectado. Nesta visita estaba acompañado pola presidenta desta D.O., Lara Da Silva.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella (agás a de Monterrei).

Artigos relacionados

Back to top button