Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade, en Valdeorras e Verín

Jesús Vázquez visitaba o Centro de Saúde do Barco, así como o Hospital Comarcal Valdeorras e o de Verín

Co fin de coñecer de primeira man as inquedanzas dos profesionais sanitarios ourensáns e transmitirlles “o agradecemento polo seu esforzo e traballo cotiá”, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, visitaba o 19 de marzo o Centro de Saúde do Barco, o Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) e o Hospital de Verín.

Neste percorrido estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; pola xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Núñez; e pola xefa territorial de Sanidade, María Villar; así como polos directivos da EOXI e os xerentes executivos de Valdeorras, Ciro Cabezas, e de Verín, Guillermina Agulla.

A súa viaxe comezaba en Valdeorras, onde se achegaba ata o Centro de Saúde de O Barco, visitando todas as súas dependencias e conversando cos profesionais sanitarios. De seguido, desprazábase ata o HCV. Alí o seu percorrido iniciábase no servizo de Radiodiagnóstico. Logo ía ás instalacións do Punto de Atención Continuada (PAC) e ao servizo de Urxencias do hospital. Nel tivo ocasión de coñecer de primeira man a opinión dos profesionais sobre a implantación do novo programa SIGUR, consistente nun sistema intelixente para a xestión dos servizos de urxencias e emerxencias.

Vázquez mantiña asemade un encontro cos profesionais sanitarios do HCV no salón de actos do centro. Nesta reunión escoitaba as demandas que lle transmitían os representantes da xunta de persoal da área de Valdeorras.

Despois, deixaba Valdeorras para desprazarse ata ao Hospital de Verín, onde mantivo tamén unha reunión con profesionais do centro e recorreu parte das instalacións.

Artigos relacionados

Back to top button