SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade fala no Parlamento galego sobre a atención pediátrica nos hospitais da provincia

Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras./ Foto de arquivo.

 

Nesta mañá de 13 de novembro o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, falaba no pleno do Parlamento de Galicia sobre as medidas adoptadas polo Sergas para garantir a atención pediátrica especializada nos hospitais da provincia de Ourense.

Segundo o titular de Sanidade, “na actualidade concorren dúas circunstancias simultáneas como son o permiso por paternidade do pediatra de Hospital Comarcal de Valdeorras e que o pediatra que realizaba gardas no Hospital de Verín deixou de facelas, por mor da súa idade. En ningún dos casos puideron ser substituídos, xa que non hai especialistas dispoñibles”.

O conselleiro sinalou que se convocaron dúas prazas vacantes de pediatría no Hospital de Verín que quedaron desertas porque non se presentou ningún aspirante. As prazas convocadas eran interinidades.

Almuiña mencionou tamén o labor do persoal do Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, que asumiu a cobertura da atención pediátrica dos comarcais. “Isto fixo que houbera que adiar consultas, tendo en conta a gravidade dos casos, xa que os especialistas que tiñan que atender esas consultas estaban desprazados nos hospitais comarcais”, indicaba.

Tamén aseguraba que “esta situación mellorará nas vindeiras semanas, coa reincorporación do pediatra do Hospital de Valdeorras, tras o seu permiso de paternidade”.

Artigos relacionados

Back to top button