SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade insiste en que a decisión de trasladar os partos de Verín a Ourense vén avalada polos técnicos

“Priorizamos a seguridade das nais e, sobre todo, dos neonatos, sobre as críticas que estamos a recibir”, aseguraba Jesús Almuiña no Parlamento galego

O conselleiro de Sanidade Jesús Almuiña./Foto: Carlos G. Hervella.

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, insistiu este mércores no Parlamento en que a reordenación da atención obstétrica e pediátrica na provincia de Ourense obedece exclusivamente a razóns de seguridade e calidade. “Priorizamos a seguridade das nais e, sobre todo, dos neonatos, sobre as críticas que estamos a recibir”, dixo Almuiña, recordando en todo caso que o Hospital de Verín continúa a ser o centro de referencia para o seguimento das xestantes da zona e a atención posterior ao parto. Só será a ecografía da semana 22, de alta resolución, que xa se viña realizando en Ourense, e o acto do parto, precisou, o que se derivará ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Almuiña destacou que “o descenso da natalidade na comarca de Monterrei fixo que se pasaran dos 147 partos en 2010 a uns 60 durante este ano, o que supón unha diminución de case un 60%. A isto hai que engadir que os partos na actualidade son máis complexos, debido a causas como a maior idade das nais e as xestacións múltiples, entre outras”.

Tamén insistiu na escaseza de pediatras que afecta ao conxunto do Sistema Nacional de Saúde, profesionais, remarcou, imprescindibles no momento do parto. No caso concreto do Hospital de Verín, lembrou que “o centro non ten servizo de Pediatría desde o ano 2006 e que o intento do Sergas de ofertalo mediante a convocatoria no mes de xuño de dúas interinidades (o paso previo a obtención de praza en propiedade) non se puido materializar porque non se presentou ningún aspirante. Ademais, o único pediatra -de Atención Primaria- que realizaba gardas no hospital verinés deixou de facelas por razóns de idade”.

“Con estes datos obxectivos, e contando co respaldo dos xefes de servizo de Obstetricia e de Pediatría da área, de 44 xinecólogos e pediatras da Área sanitaria de Ourense, de sociedades científicas, do Colexio médico de Ourense e do Ministerio de Sanidad, decidiuse trasladar unicamente o acto do parto ao CHUO, xa que”, segundo dixo o conselleiro, “preferimos tomar esta decisión antes de que teñamos que lamentar consecuencias irreversibles para unha muller e para o seu bebé”.

No tocante á atención pediátrica, Almuiña indicou que os 2.136 nenos do distrito sanitario de Verín “teñen garantida a asistencia cunha das mellores ratios de volume de pacientes por pediatra de Galicia nos seus centros de saúde e coa cobertura do servizo de Pediatría e de Urxencias Pediátricas do CHUO”.

 

Artigos relacionados

Back to top button