SanidadeÚltima hora

O conselleiro de Sanidade pide aos cidadáns e á hostalaría que cumpran as medidas

Julio García lanzaba esta tarde unha mensaxe de aviso e amosaba a súa preocupación "ante os incumprimentos que se están producindo"

 

O Conselleiro de Sanidade, Julio García.

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García, lanzaba esta tarde unha clara mensaxe de aviso ante os incumprimentos que se están producindo na fase actual de desescalada en Galicia. “Estamos seriamente preocupados de como se está a producir a desescalada e, en concreto, no sector da hostalaría. Moitas familias teñen sufrido enormemente polo peche das últimas semanas, non só os hostaleiros, senón tamén os seus provedores e todos aqueles que directa ou indirectamente se viron afectados. Por iso toda a hostalaría reabriu as súas portas con ilusión e, en moitísimos casos con responsabilidade para que nos locais e nas terrazas poidamos estar coa máxima seguridade. Pero tamén hai unha cantidade moi considerable, polo que estamos vendo, que non abriu coas condicións fixadas e co seu comportamento irresponsable está poñendo en risco a todos, os que incumpren xóganse o peche futuro dos seus locais, pero tamén dos que están cumprindo as normas, e iso é unha grande inxustiza que entre todos temos que evitar”, aseguraba o conselleiro.

García Comesaña lembraba cales son as medidas que se deben aplicar no sector hostaleiro nesta reapertura, tras case un mes de peche por mor da situación sanitaria. “Tanto no interior como no exterior, deben estar todas as mesas montadas e só o 30% no interior e o 50% no exterior deben estar habilitadas. Isto favorece o control visual de todos, dos usuarios e do propio hostaleiro e ademais garante a distancia de seguridade. Así nas terrazas por cada mesa ocupada debe haber unha desocupada ao seu lado, así o falamos cos hostaleiros e así está recollido no DOG e, polo tanto, é a norma. Pedimos polo tanto á hostalaría responsabilidade, ás asociacións que insistan nesta mensaxe e aos propietarios que cumpran co que está pactado e co que é norma. Pedimos ás forzas e corpos de seguridade que sexan inflexibles cos incumprimentos e redobren os seus esforzos, xogámonos moito no sanitario e no económico”, sinalaba.

Finalmente, o conselleiro de Sanidade apelaba “á responsabilidade dos cidadáns, que esixan tamén eles este cumprimento pola súa seguridade, e ademais que utilicen a mascarilla todo o rato, agás naquel momento que vaian a comer ou a beber, e por suposto, neste mesmo sentido que non fumen nas terrazas. Apoiemos aos locais e aos cidadáns que cumpren e apremiemos e concienciemos a aqueles que non o están facendo”, concluía.

Artigos relacionados

Back to top button